Aos cincuenta anos de sacerdocio

José Pérez Domínguez NO ATRIO

OURENSE

02 may 2021 . Actualizado a las 19:54 h.

Somos da promoción do 26 de xullo do 1971. Celebramos a vodas de ouro sacerdotais cinco compañeiros: Atilano (Santa Eufemia), José Carlos (Catedral), Ramiro (Catedral), Aquilino (Santa Teresita), M. Sierra (capelán no CHUO) e un servidor (Catedral). Únense á festa, dende o ceo, Ricardo, Berardo e Manolón, falecidos. A nosa promoción foi das últimas na que a lingua latina era esencial tanto para comunicación intereclesial como para os estudos filosófico-teolóxicos e celebración litúrxicas. Por iso pido que se me respecten os titulares en cursiva, reflexo dunha historia e de unha vida, e que a maioría dos lectores seguen no esquema da eucaristía.

Confiteor Dei omnipotenti... Pido perdón polos pecados de omisión. Por desgraza son pecados moi comúns na vida cristiá e tamén na vida dos sacerdotes, pero non por iso son escusables. Por malos exemplos. A nosa vida non sempre foi un reflexo do Evanxeo. Non sempre fomos cristiáns misioneiros. Por ter usado o ministerio sacerdotal para apoiar a nosa superioridade, para xustificar o noso confort: o Papa chámalle a isto acedía. Polos pecados contra a caridade pastoral: crernos en posesión da verdade, sen contar coa verdade dos irmáns en tantas ocasións.

Gloria in excelsis Deo... Síntoo de corazón: honor, loanza e gloria ao noso Deus. A Xesucristo, ao Kirios, ao Señor, que está sentado á dereita do pai e intercede por todos nós, xuntamente co Espírito Santo para gloria de Deus Pai.

Verbum Domini... A Palabra do Señor é a verdade. Anuncio da Palabra de Deus aos mozos, anuncio da Palabra de Deus aos emigrantes, anuncio da Palabra de Deus a quen sofre, anuncio da Palabra de Deus aos pobres. A Palabra de Deus é salvagarda da creación enteira.

Credo in unum Deum... Eu creo en Deus Pai todopoderoso e infinitamente misericordioso. A súa misericordia non ten fin. Creo na Igrexa, fundada polo noso Señor, santa e pecadora, porque os ministros e os fieis somos santos e pecadores. Creo na vida eterna; pola entrañable comuñón de santos algún día chegaremos ao ceo, lugar de felicidade, de descanso e de encontro co Señor resucitado.

Ecce Agnus Dei qui tollis pecata mundi... Corpus Christi. Amén. O Corpo de Cristo. Amén. «A Eucaristía fai a Igrexa e a Igrexa fai a Eucaristía». A Eucaristía é fonte e cumio de toda a vida cristiá. «Tomade e comede... Tomade e bebede... Este é o meu corpo; este é o cáliz do meu sangue». «O que come a miña carne e bebe o meu sangue vive en min e eu nel». ¡Cantas veces dicimos e escoitamos estas palabras na misa1!

Te Deum laudamus... Graciñas, Señor: pola vida, polos nosos pais, polos nosos irmáns e demais familiares e amigos. Pola vida sobrenatural que nace no bautismo, pola parroquia onde eu nacín e onde fun bautizado, polo noso señor cura, polos feligreses e veciños todos. Polo precioso don do sacerdocio, polo Seminario e os meus formadores e profesores, por poder estudar na Pontificia Universidade Gregoriana de Roma, polos bispos cos que me tocou colaborar ao longo de tantos anos, por tódolos meus condiscípulos, polos sacerdotes do presbiterio diocesano cos que camiñei ano tras ano, pola fidelidade ao longo de estes cincuenta anos, que é obra da gracia do Señor. Gracias, Señor, polos meus alumnos do Instituto Teolóxico e polos compañeiros e alumnos da Universidade Laboral.

Regina Coeli laetare Alleluia... Permitídeme rematar acudindo a Virxe María. Meus pais, meus irmáns e meus avós foron quen me ensinarme a rezarlle o Rosario. Nas ledicias e nas tristuras sempre acudimos a bendita Nai do ceo nas moitas advocacións diocesanas: a Clamadoira, a Aparecida, os Milagres... Acudimos con confianza e sempre fomos atendidos pola nosa señora do Ceo. Collidos da man de María, imos ao encontro de Deus, noso Pai. ¡De ter nacido hoxe, sabendo o que sei e comprendendo a importancia da chamada de Deus en ben dos irmáns, volvería ser sacerdote!