Os alumnos do Santo Ángel axeitan as zonas verdes do centro

J. G. SOBRADO OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Os escolares teñen unha pequena zona do patio sementada con leitugas, pementos, pirixel e xirasoles
Os escolares teñen unha pequena zona do patio sementada con leitugas, pementos, pirixel e xirasoles MIGUEL VILLAR

Os escolares teñen unha horta con leituga e pementos

15 abr 2021 . Actualizado a las 17:09 h.

É probable que a moitas persoas, o feito de teren que sementar unha planta no minguante e non no crecente, lles soe a superstición rara. Pero a estreita relación entre as fases lunares e a sementeira ten moito máis de fundamento que de simple crenza. Grazas ás explicacións do seu profesor Ricardo, os alumnos de sexto de primaria do colexio Santo Ángel da capital ourensá xa non se sorprenden por algo así.

Os escolares montaron unha pequena horta -de non máis de oito metros cadrados- no patio do centro, e dedicaron parte da tarde deste luns a limpar a zona de herbas malas e outros obstáculos para o crecemento dos vexetais. Trátase dunha actividade encadrada en Voz Natura, un programa de La Voz de Galicia desenvolto pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e patrocinado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Deputación de A Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces.