Sen verbenas

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

11 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ourense non terá festas en xuño. No Barco non haberá as de Santa Rita. E os maios haberá que facelos para decorar nas hortas... Volvemos ter unha primavera e un inicio de verán perdidos no que a grandes eventos se refire. E podo entendelo, non está a cousa aínda para grandes aglomeracións, porque unha curva que baixa pode despuntar de súpeto se non se fan as cousas ben e a vacinación vai, pero leeeenta, moi leeeenta. Ata aí todo correcto. Pero que non haxa grandes festas non debería significar que non haxa nada. Desde fai meses, a maioría dos concellos da provincia non ofertan nada, absolutamente nada, que supoña oferta cultural. Nin obras de teatro, nin contacontos, nin charlas, nin concertos, ¿danza, alguén dixo danza? En moitos volveron as feiras, nalgúns despois de semanas libres de casos de covid e ante o clamor da sociedade (e do comercio e a hostalería, que os días de feira veñen por tradición acompañados de días de alegría nas caixas rexistradoras). E xa máis nada. Como se, sobre todo agora que vén o bo tempo, non se puideran facer cousas ao aire libre, con máscara, distancia... Semella que moitos alcaldes e concelleiros aproveitan a escusa da pandemia para rascar a barriga no que a xestión cultural se refire. Entendo que é desleixo, con iso de que «apelo á prudencia, todo feito»; e tamén hai quen, como Jácome, está directamente en contra de todo o que sexa gasto cultural. Falar de inversión e do que supón ter unha sociedade culta... xa para outro día. E romper os miolos para facer cousas mantendo as medidas, ¿para que? Se total a escusa da pandemia é como o papel, aguanta todo.