Infraestruturas que condicionan

Alberto Vila FIRMA INVITADA

OURENSE

Santi M. Amil

05 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Éprecisamente en situacións como a actual derivada de peche indefinido do túnel do Folgoso na autovía A-52 ao seu paso pola Cañiza, cando a sociedade en xeral percibe ás claras en que medida as infraestruturas de transporte e comunicación condicionan o desenvolvemento económico e a vertebración social. Ou, desde outra óptica, que non é posible gozar dunha economía vizosa e competitiva sen unhas infraestruturas acordes ás necesidades loxísticas de cada momento. Noutra dimensión, repárese no grande impacto económico por un xigante portacontedores varado que bloqueou o tránsito a través da canle de Suez. Pero tamén, co paso dos anos e das xeracións, o desenvolvemento económico deixa en evidencia como determinadas infraestruturas, que no seu tempo foran concibidas e deseñadas como as máis avanzadas e punteiras, tornan en limitantes ou obsoletas, deixando de estar á altura das necesidades loxísticas do tecido socio-económico. Aconteceu coa Ponte de Rande, que tivo que ser ampliado recentemente nunha obra que superou os 100 millóns de euros. De modo moi semellante, o túnel de Folgoso, inaugurado no ano 98, e que por tanto aínda non ten un cuarto de século de vida, comeza a transmitir sinais de que vai chegando a hora de acometer unha ampliación que remate con posibles limitacións que incidentes neste túnel poidan xerar na comunicación fluída por estrada do sur de Galicia coa Meseta e con Europa. Certamente agora non podemos máis que seguir esixindo aos poderes públicos a maior celeridade nos traballos de reparación e reacondicionamento do túnel para a súa reapertura o máis pronta posible, pero máis cedo que tarde inevitablemente deberá abrirse tanto no ámbito social como político o debate da ampliación do túnel que bote por terra situacións como a actual.

E por outra banda fica o dilema do financiamento público das infraestruturas; en que medida poden ser gratuítas, isto é, sufragadas integramente polas administracións públicas a través dos impostos que pagamos os cidadáns e as empresas, ou ben podermos gozar dunhas infraestruturas modernas, axeitadas ás necesidades loxísticas do tecido socio-económico, en perfecto estado de conservación e mantemento, e coas reformas ou ampliacións precisas, só pode ser posible mediante a inclusión de gravames, taxas polo uso desas infraestruturas ou peaxes ordinarias.

Téñase en conta que se poden citar abondosos exemplos de autoestradas de peaxe que mostran ás claras que o cobramento en determinados treitos de elevados importes de peaxe polas empresas concesionarias non é garante dunha correcta conservación e mantemento deses treitos da infraestrutura. Lamentablemente, en Galicia sabemos moito disto desde hai tempo. 

Pero isto só é posible cunha clase política con altura de miras, quen de deseñar políticas públicas e tomar decisións estratéxicas que vaian máis aló de visións simplemente curtopracistas e de alcance electoral, alleas á dialéctica de goberno ou oposición de cada momento.