Felipe Ferreiro, presidente da Cruz Vermella de Ourense: «A xente necesita o básico a diario, e non pode esperar ás administracións»

Javier González Sobrado
javier g. sobrado OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Sinala que na provincia o 20 % da poboación vive en situación de pobreza

28 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

É moi probable que os alumnos dos centros educativos de media cidade recorden a un home nado no 1951 no lugar de San Martiño, no arraiano municipio de Cualedro. As culpables, as clases de lingua e literatura galegas que impartiu no Otero Pedrayo, no Blanco Amor, na Laboral ou no IES As Lagoas, centro que viu a Felipe Ferreiro deixar a labor docente. Mais o seu compromiso coa mocidade e con toda a provincia de Ourense aínda vive nun cargo no que xa percorre o seu segundo mandato, a presidencia de Cruz Vermella Ourense.

-Como chegou a ser o presidente da Cruz Vermella na provincia?

-Empecei a formar parte como socio hai xa 30 anos. Despois chamáronme para formar parte dun comité xurídico no que se tratan temas de dereitos e garantías. Cando hai algunha cuestión relativa aos traballadores e voluntarios, tes que abrir expedientes, ver o que pasou... Chegado un momento, a presidenta que estaba renunciara e propuxéronme a min e houbo eleccións. Saín, aceptei, e xa estamos co segundo mandato. Ao principio con certa reticencia porque sabía que supoñía bastante dedicación, pero para min foi unha honra.

-Supoño que todo iso que asumiu e que implicaba dedicación non era nada en comparación co que veu despois coa pandemia.

-Nos primeiros días foi unha explosión. Unha crise que nos mantivo de tal envergadura no social, no emocional, no económico.... Xa había persoas en risco de pobreza e persoas vulnerables pero é que de repente aparecen ademais moitas persoas, a maior parte xente nova, que perderon o emprego, que foron a ERTE... A xente necesita o básico e o elemental todos os días e xa. Non pode esperar un mes a ver se habilitamos unha partida como pasa coas administracións. Nós estamos aí desde o minuto cero. O día 11 de marzo xa constituímos un comité de crise e coas portas abertas. Non puidemos pechar practicamente nunca, incluso durante o confinamento tivemos que manter a atención ás persoas. Mesmo sábados e domingos montamos un servizo de atención. Apareceron moitas persoas que non eran usuarias de Cruz Vermella pero que se quedaron de hoxe para mañá en situación precaria.

-Como ve vostede Ourense?

-É unha provincia que vive dos servizos, dos pequenos comercios e ademais está moi envellecida. O tecido industrial nunca foi nin é moi forte, entón as necesidades son maiores. Hai arredor dun 20 % de pobreza. Ao non ter onde xerar moitos recursos económicos, énos máis difícil ter uns servizos mínimos dignos. Agora por exemplo coa brecha dixital, hai moitos sitios onde aínda non hai boa cobertura para teletraballar ou as clases telemáticas. Temos que traballar todos nunha dirección e axudar sobre todo a quen mais o necesita, porque se temos unha base débil ao final seremos débiles. A sociedade somos todos. Se coa crise do 2008, que foi só económica, xa tivemos uns anos malos agora a pandemia vainos deixar nunha crise económica pero tamén social e emocional que temos que saber xestionar.

Unha entidade co ollo posto nas persoas máis vulnerables

Axudar aos cidadáns a que eles mesmos poidan vivir a súa vida con dignidade, asegura Felipe Ferreiro, é a principal misión da Cruz Vermella.

—Cales son os retos que se presentan agora para a organización?

—Recuperar a actividade que tiñamos antes. Os cursos de formación, o proxecto escolar con nenos de toda a provincia, a atención ás persoas maiores e os talleres para que estean dinámicos e teñan vida digna. Formación, cualificación e acompañamento ás persoas en idade laboral, en colaboración coas empresas, para ter postos de traballos nos que poidan desenvolver a súa vida con dignidade. Esa é a mellor axuda que podemos dar.

—Fai moito énfase nos cativos. Cómo pensa que lle tocou a eles vivir a pandemia?

—Os nenos son moi naturais e ás veces gardan as cousas. As persoas maiores entendemos o que pasa, pero os nenos dirán «¿cómo é posible? Non podo ir ao parque, non podo xogar, non podo abrazar a ninguén...». E iso que son moi disciplinados, pero claro, teñen que seguir desenvolvéndose, e se todo iso non se fai do xeito máis apropiado, van ter secuelas. Estamos a falar de nenos de familias vulnerables, que son os que teñen menos posibilidades no estudo, na vivenda, na formación... Para nós é moi importante conseguir que teñan as mesmas oportunidades. Temos que estar con eles e facer todo o posible porque teñan unha formación e unhas saídas dignas, e se é posible, mellores que as nosas. Nenos e os maiores son os prioritarios e os mais débiles.