Luis Vives, unha cooperativa que aposta pola formación de calidade

La Voz OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

O colexio conta cunha auxiliar técnico especialista (ATE), unha figura moi importante para aquel alumnado que precise axuda por carecer de autonomía

01 mar 2021 . Actualizado a las 13:40 h.

O Colexio Plurilingüe Luis Vives de Ourense é unha cooperativa de traballo asociado, concertado, laico e mixto e na actualidade ten máis de 600 alumnos. Para conseguir estas importantes cifras escolares, ofrece múltiples servizos como unha cociña central, autobús ou madrugadores desde as 6.45 horas, entre outros. Ademais, sinalan dende o centro, teñen o prezo máis baixo en toda a provincia. De feito, o servizo de madrugadores e do comedor son gratuítos para o alumnado de 3 anos. Outro dos fortes do colexio é o feito de contar cunha auxiliar técnico especialista (ATE), unha figura moi importante para aquel alumnado que precise axuda por carecer de autonomía, con cualificación para a administración de medicamentos. Tamén, un servizo de atención de tardes con actividades, para favorecer a conciliación familiar e dar resposta ás necesidades ata máis alá das seis da tarde. Luis Vives converteuse tamén nun centro cardioprotexido.

Para a cooperativa Luis Vives é importante a acción formativa de máxima calidade. De aí que ofreza medios didácticos de vangarda complementados por servizos como actividades extraescolares, departamento de orientación, reforzo, ensinanza telemática e un longo etcétera. O centro dispón de persoal nativo para unha oferta plurilingüe, dende infantil ata a ESO, sendo un centro examinador de Trinity. Ofrece tamén unha continuación directa de estudos de bacharelato nun centro adscrito. Toda esta oferta de actividades é ampliada polo programa de actividades da ANPA do colexio.

Luis Vives dispón dunhas magníficas instalacións. As aulas son amplas e luminosas: seis de Educación Infantil (con aseos), doce de Primaria, oito da ESO e dúas aulas de Educación Especial. No último andar concentran aulas coma a ludoteca, laboratorio de idiomas, informática, aula de plástica, tecnoloxía e un espazo para música. Hai que facer unha mención especial para a biblioteca (A Luviteca), un espazo creativo, acolledor, integrador e dinámico; sen esquecer a recente creación da radio escolar (Vives na Onda). As pistas exteriores, o parque infantil, o salón de actos, o ximnasio ou psicomotricidade completan outros espazos nos que o alumnado recibe a súa formación.

Santi M. Amil

Xornada de portas abertas para visitar as instalacións

Ademais das actividades que xa están en marcha, o colexio engade novos proxectos cada ano. Neste curso, entre outros, destacan «Stop plásticos», co que se pretende concienciar á comunidade educativa da necesidade de reducir este consumo, ou o denominado «Aqua-Stem» para potenciar entre os alumnos do centro o interese polas carreiras de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñería ou Matemáticas.

  A comunidade educativa do Luis Vives quere transmitir aos rapaces o gusto por aprender e crear neles a ilusión de traballar. Deste xeito adquiren habilidades para buscar, obter e procesar a información e mellorar a súas competencias. Na cooperativa cren que a escola existe para facilitarlle ás persoas as ferramentas necesarias para a correcta toma de decisións. Queren que aprendan para que se desenvolvan como cidadáns competentes no futuro. Ademais, todas as instalacións están adaptadas para acceso de persoas con discapacidade.

Neste momento, o colexio plurilingüe está levando a cabo as xornadas de portas abertas para que as familias que busquen un centro educativo para os seus rapaces teñan a oportunidade de comprobar toda a oferta educativa do Luis Vives e as súas instalacións. O centro anima a acudir ao colexio, aínda que por motivos relacionados coa situación da pandemia é imprescindible chamar para pedir unha cita previa e poder facer unha visita personalizada a todas as instalacións.