A exposición de Nós chega a Ourense cun cartel único de Fernández Mazas

María Doallo Freire
maría doallo OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

Feijoo sinalou á provincia como berce do movemento intelectual: «Aquí prendeu raíces un galeguismo que logo se expandiu polo mundo adiante»

25 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En Galicia, de Nós a nós hai historia, hai galeguismo e hai moita lingua. É a exposición máis importante, e abundante, sobre a traxectoria da Xeración Nós e despois de pasar pola Cidade de Cultura de Santiago e cuns cantos días de retraso -estaba prevista para o 18 de febreiro- acaba de inaugurarse en Ourense, onde se quedará ata o 18 de abril. A apertura, que finalmente coincidiu con outro día moi especial, o de Rosalía, contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, quen destacou a importancia de Ourense no legado cultural e intelectual da Xeración. «Foi un dos colectivos máis transcendentais da nosa historia contemporánea», afirmou. «Aquí prendeu raíces un galeguismo que logo se expandiu polo mundo adiante», engadiu.

Logo de recibir máis de 15.000 visitas en Compostela, a mostra chega á cidade das Burgas, berce de Nós. A exposición, na que prestaron materiais máis de cincuenta colaboradores institucionais e particulares de catro países (España, Alemaña, Francia e Portugal), está divida en cinco partes: as orixes antes de Nós, quen eran, a historia da revista, de que falaron e a súa conexión do mundo de mediados do século XX con hoxe. Está dividida entre o centro cultural Marcos Valcárcel, onde se atopa a documentación relativa aos catro primeiros puntos, e a sala de arte de Afundación, na Praza Maior. Alí se encontra o material relacionado coa relación de Nós co mundo contemporáneo e sobre todo con Ourense. A exposición presenta novidades importantes, tal e como destacou durante a inauguración Alfonso Vázquez Monxardín, comisario da mostra xunto a profesora Ana Cuña. A primeira delas é un cartel publicitario orixinal da revista Nós realizado polo artista ourensán Cándido Fernández Mazas. «Complementamos con novas gráficas algunhas pezas que xa había e incluímos elementos novos que falan da especial relación de Nós con Ourense. Porque aquí eses homes foron ata o fin dos seus días xente estimada e moi querida, cunha enorme proxección pública a través da súas charlas ou colaboracións en periódicos», dixo o historiador. Na mostra aprécianse tamén un desenvolvemento tecnolóxico cun espazo no que se pode consultar a totalidade dos números da revista, 134, recollidos na web da Biblioteca de Galicia.

«Ollar a Revista Nós é viaxar no tempo a unha cidade bulideira. Unha urbe onde se escoitan os faladoiros de café e se impoñen os edificios modernistas de Vázquez-Gulías. E por iso, a apertura desta exposición non é tanto un regreso a casa, como un reencontro, porque Ourense sempre estivo en Nós», apuntou Feijoo. Entre o contido da mostra, o titular da Xunta referiuse á Carta Xeométrica de Galicia, trazada por Domingo Fontán: «Unha peza única». As voces de Vicente Risco, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Ramón Cabanillas, Antón Losada Diéguez Castelao reviven en Galicia, de Nós a nós. A exposición contou coa colaboración da Deputación de Ourense, cuxo presidente, José Manuel Baltar, destacou a importancia de non permitir a desmemoria. «Somos herdeiros de Nós, de todas as súas sementes naceron os nosos froitos. O seu pensamento permaneceu no tempo. Esta é unha mostra que conduce á reflexión, vale de exemplo e transmítenos conciencia e responsabilidade», afirmou Baltar.

Tal e como dicía o primeiro número da revista, «Para ledicia de todos e para ensino de moitos, sae Nós». Agora en forma de exposición.