21 días falando galego no Lauro Olmo e no Taboada Chivite

La Voz OURENSE

OURENSE

Cedida

Os dous colexios ourensáns participan nun programa de dinamización lingüística da Xunta

26 feb 2021 . Actualizado a las 13:41 h.

Co obxectivo de que a xente nova fale máis galego e tamén de que perfeccione o seu uso tanto dentro como fóra das aulas, a Xunta ven de por en marcha a terceira edición do programa de dinamización lingüística 21 Días co Galego e +. Nel participarán case 4.000 persoas de dez centros de Galicia. Concretamente na provincia de Ourense serán dous os colexios que participen no programa: o IES Lauro Olmo de O Barco e o Taboada Chivite de Verín. 

21 Días co Galego e + é unha iniciativa baseada nos 21 días que se consideran necesarios na adquisición dun hábito. Pretende animar aos alumnos a que falen en galego e usen as formas lingüísticas correctas a través de distintas actividades lúdicas e orixinais. Este ano, o soporte central da campaña é o blog, onde se amosarán dende hoxe as creacións dos participantes, que deberán seguir e actualizar cada día os centros para recibir contidos. Neste web poderán consultar o reto que deberán superar en grupo unha vez á semana ou as gravacións individuais que deberán realizar os propios nenos para deixar constancia das súas reflexións sociolingüísticas sobre a experiencia. 

A intención é chegar mediante a dinamización lingüística a toda a sociedade, non só á comunidade educativa de cada centro senón tamén ás persoas que entran no seu raio de acción directo e a todas aquelas ás que se pode chegar hoxe en día a través da rede mediante a presenza en páxinas web e en redes sociais.