Noa Presas: «Hai un Ourense que non se resigna a ser sempre a excepción nos cambios»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE

OURENSE

Noa Presas (BNG)
Noa Presas (BNG) MIGUEL VILLAR

«Teñen ausencias imperdoables» di sobre os orzamentos da Xunta

31 ene 2021 . Actualizado a las 10:33 h.

A súa candidatura foi a segunda máis votada e Noa Presas Bergantiños (Ourense, 1987) repetiu como deputada. Di que pisar a moqueta do Parlamento desde hai xa cinco anos non a cambiou: «No meu día a día penso todas as decisións como teleoperadora, como persoa que se quería dedicar á docencia e non puido e tamén desde a humildade da miña familia. Intento que iso sexa o que me guía cada día e non perder a perspectiva tamén co contacto social».

-Vostede antes dicía que á cidade no lle rendía ter un goberno «amigo» na Xunta. Que pode esperarse agora que non o é?

-Nós pensamos que é absolutamente obscena a actitude de Feijoo e do PP con Ourense a modo de castigo. Non saíu ben o seu experimento, que única e exclusivamente se baseou na cobiza do PP por tocar poder e tentar aprobar un PXOM. Parécenos deleznable que se faga esa chantaxe con Ourense e que sempre sexamos unha moeda de cambio e un graneiro de votos.

-Ve saída para a situación actual?

-Lamentablemente vexo ao PSOE nunha posición moi cómoda de poder culpar ao PP e ao PP nunha posición moi cómoda de intentar botar balóns fóra e que a cidadanía se esqueza de aquí ao 2023 que foron responsables de poñer a Jácome na alcaldía e agora de non asinar unha moción de censura. Nós seguiremos insistindo en apelar ás principais forzas políticas en que ten que ir unha moción de censura adiante e o lóxico sería que gobernara a lista máis votada.

-Son os orzamentos da Xunta os que precisa Ourense?

-En absoluto. E un claro exemplo é o sanitario. Cantos anos levamos demandando un centro de saúde no Vinteún ou máis prazas públicas en residencias de maiores? Teñen ausencias imperdoables. E cunha dobre trampa: Ourense está nun punto de partida peor para soportar esta crise pero aínda por riba estamos vendo como diante de oportunidades como os fondos europeos a única alternativa que plantexan PP na Xunta e PSOE no Estado é remendar obras pendentes que non foron executadas.

-E os orzamentos do Estado. O Goberno di que son os máis sociais. Por que o BNG se opuxo?

-Nós debémonos aos nosos compromisos electorais coa nosa base social e non se viron cumpridos nestes orzamentos. E negamos a maior, non son uns orzamentos sociais desde o momento en que cuestións tan importantes como a lei de dependencia non se cumpren. Se o PSOE quería un voto favorable tería que ter incorporado compromisos con Ourense que non están enriba da mesa. Por exemplo, nos emendamos para enlazar vía ferrocarril a cidade co polígono, algo que o PSOE tamén defende en Ourense, e votaron e contra. E, como iso, o saneamento do Barbaña e outras necesidades. Seguimos costa abaixo e sen freos como se seguise gobernado o PP. Desde logo, o BNG non podía aceptalo.

-Vive o BNG o seu mellor momento?

-Estamos nun momento positivo, pero ao mesmo tempo temos os pés na terra en que hai que seguir traballando para mellorar as alternativas que ten a cidadanía en Ourense e no resto de Galicia. Aínda que moitos foros, como o Concello ou o Congreso dan unha imaxe de confrontación que nós non compartimos, este momento histórico require doutra actitude e estamos en condicións de ser determinantes tanto nas municipais como nas próximas galegas.

-Esperaba que o BNG fose tamén a segunda forza na provincia, pese a que en Ourense os cambios políticos con frecuencia van máis lentos?

-A sensación era moi positiva e fixemos unha moi boa campaña, pero sobre todo a cidadanía soubo apreciar que no BNG hai un proxecto que é coherente, construtivo e consistente. Eu ademais creo que en Ourense hai algo que está cambiando. Quero recordar o «Verín non se pecha» e a contestación a recortes sanitarios ou a infraestruturas que non eran adecuadas para Ourense, como a intermodal. Hai un Ourense que non se resigna a ser sempre a excepción nos cambios políticos. E iso terá a súa tradución nas próximas municipais e nas próximas galegas.

-Como é a relación co PSOE? Eles acusan ao BNG dun certo colaboracionismo co PP...

-As leas do PSOE terán que solucionalas eles. A nós o que nos motiva cada día é tender pontes en favor deste país. Entendemos que aí o PSOE en moitos aspectos é un aliado, pero sempre e cando se centre nas necesidades de Galicia e non no que lle manden desde Ferraz. A única pinza que prexudica os nosos intereses é a que fai o PP co PSOE en moitas ocasións.

-Entón, non se abrandou o BNG co PP?

-En absoluto. Lideramos unha oposición contundente, pero en todo caso nós tamén sabemos ver que hai momentos, como nunha situación de pandemia, nos que hai que chegar a puntos de acordo. Por moito que moitas veces nos coloquen o arquetipo de forza non dialogante, demostramos ser todo o contrario.

«Neste momento hai unha falsa dicotomía entre economía e saúde»

O BNG defende sen complexos un novo confinamento estrito para, dese xeito, conter a evolución explosiva da pandemia. Na provincia de Ourense, Presas cre que partimos dunha situación peor debido ao avellentamento da poboación, por un lado, e a «un soporte sanitario moi debilitado», por outro. «O CHOU, á máis mínima presión, xa está derivando pacientes para outros hospitais como Vigo ou Lugo. Iso é un síntoma de debilidade e un síntoma tamén de que non se aproveitou estes dez meses de crise para fortalecer algo tan elemental como as ucis. É intolerable que unha cidade como Ourense que ten un edificio novo de hospitalización teña que pechar quirófanos para aumentar camas uci», di.

-Pode soportar a economía ourensá un novo confinamento?

-Nós entendemos que neste momento hai unha falsa dicotomía entre economía e saúde. Salvar vidas é algo que non ten prezo e é o que nos estamos xogando neste momento. Temos que preguntarnos se a próxima semana colapsan os hospitais galegos que imos facer, pedirlle aos sanitarios que escollan quen atender e quen non? Eu creo que se lle preguntas a calquera hostaleiro se preferiría estar entre quince días e tres semanas pechado ou estar dous ou tres meses nesta situación, queda claro que en termos económicos tamén sería máis responsable atallar canto antes a pandemia, volver a uns índices máis asumibles e poñer menos vidas en perigo.

-Canto tempo sería suficiente?

-Nós entendemos que habería que partir de quince días ampliables, para ver se se consegue baixar a curva, normalizar as ucis ou non. Pero desde logo o que non pode ser é que se pretenda que a cidadanía siga con vida case normal agás no que ten que ver co seu ocio e co seu benestar persoal e que, mentres, estean os hospitais colapsados.