«Hai que mellorar na responsabilidade individual desta crise sanitaria»

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, destaca o traballo de todos os funcionarios


ourense / la voz

É a cara visible da institución que coordinou o estado de alarma pola pandemia do coronavirus en Ourense e segue ó fronte das forzas e corpos de seguridade do Estado para dar resposta ós cidadáns e velar polo cumprimento das normas. Aínda que algunhas das competencias estean actualmente delegadas na Xunta, o subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso (Verín, 1954) segue dirixindo os operativos e colaborando de forma «leal», afirma, xa que ten moi presente as dificultades que supón dar respostas ós cidadáns nesta crise.

-As primeiras semanas do estado de alarma foron de intensa preocupación e dunha permanente actividade na subdelegación. Foi unha alta responsabilidade nunha situación nova que fixo que tivésemos que coordinar e ter sempre presente a situación que estaba vivindo a cidadanía de Ourense.

-Cales foron esas primeiras e urxentes actuacións?

-Tívose que organizar perfectamente a todos os corpos e forzas de seguridade do Estado para vixiar o confinamento da cidadanía. O mesmo tempo a subdelegación converteuse nunha institución de actividade permanente respecto a todas as demandas. No estado de alarma era a única que estaba aberta. Foi o referente.

-E houbo que tomar as primeiras medidas.

-No primeiro momento a xente non tiña medios de protección e tivemos que colaborar cos corpos e forzas de seguridade do Estado coa chegada das máscaras para repartir entre os máis vulnerables, ós Concellos, ás empresa de transporte... E resolver situacións de cidadáns que nese momento estaban fóra do país, con xestións en consulados e embaixadas. Moita xente tiña sensación de angustia. Todos os servizos da Subdelegación estiveron abertos. Traballamos intensamente. Fixéronse consultas de cidadáns, empresas e administracións publicas... Nesa primeira etapa, dende marzo a xuño, aclaráronse dúbidas de todo tipo. Tramitáronse a demanda de Concellos e de institucións privadas xeriátricas e residencia un total de 49 solicitudes de desinfección que fixeron dende a UME. Isto foi posible grazas a unha coordinación importante a permanente conexión diaria.

-Que demandaban os veciños?

-A primeira preocupación dos veciños foi a autoprotección. Os Concellos pedían epis, máscaras... Tamén, nese primeiro momento, un maior control da mobilidade e o apoio da Guarda Civil. Había un certo desconcerto porque non sabían que actividades eran esenciais. Tramitamos miles de consultas.

-A situación cambiou co fin do estado de alarma e as competencias delegadas na Xunta.

-Nese momento constituíuse o Cecor (Centro de Coordinación), tras o primeiro peche perimetral de Ourense, ao que invitamos á Xunta e ás policía locais dos Concellos afectados en cada momento. Desde entón, reunímonos constantemente.

-O covid trouxo outro tipo de problemas colaterais, relacionados a maioría coa economía.

-Houbo e hai que dar resposta a problemas sociais. O Goberno tivo que implantar prestacións a actividades e persoas que tiveron que deixar o posto de traballo ou tiveron dificultades para seguir, que se resolveron a través do servizo de emprego, o SEPE. Dende abril o gasto o acumulado en prestacións sociais por parte do SEPE na provincia supuxo 114,7 millóns de euros, dos cales 44 corresponden a ERTE. O número de expedientes tramitados polo SEPE de Ourense dende xaneiro ata outubro tivo un incremento do 215,27 % con respecto ao mesmo período do ano 2019. Ademais, durante outubro un total de 12.453 traballadores ourensáns percibiron algún tipo de prestación social, por un importe total de 10,9 millóns de euros.

-E para os autónomos?

-Dende o inicio da pandemia e ata o 30 de setembro, 11.253 autónomos percibiron algún tipo de prestación. A partir do 1 de outubro, data na que entraron en vigor novas modalidades de prestacións, 2.848 autónomos ourensáns recibiron algunha destas axudas. No mes de decembro o Ingreso Mínimo Vital chegou a 1.179 fogares na provincia e o Instituto de Crédito Oficial avalou ata o 30 de novembro en Ourense 5.763 operacións que afectan a 3.851 empresas. Parte delas foron capaces de continuar e non pechar. Sen esas axudas non sería posible que estiveran abertas, seguro. A Subdelegación foi a institución máis importante e segue a ser o punto de referencia.

-Como se comportou a cidadanía ourensá?

-A nivel xeral creo que ben, inda que hai que mellorar na responsabilidade individual desta crise sanitaria. O 2,4 % das persoas que identificamos foron sancionadas. A cifra podería ser mellor se consideramos que estamos nunha pandemia cun virus moi contaxioso.

81.327 persoas identificadas e 1.988 sancionadas, dende outubro

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, destaca o traballo realizado durante a crise sanitaria do coronavirus, tanto polos funcionarios da Subdelegación como polos membros das forzas e corpos de seguridade do estado. E como exemplo explica que dende outubro ata xaneiro leváronse a cabo 3.223 dispositivos de control e vixilancia na provincia con 11.294 axentes. Neles identificouse a 81.327 persoas e eleváronse 1.988 propostas de sanción, o que representa o 2,4 %. Controláronse 97.361 vehículos e retornáronse 3.017, o que representa o 3,09 %.

Dende o pasado 7 de outubro, coas novas medidas adoptadas pola Xunta na provincia, celebráronse 17 reunións do Centro de Coordinación (Cecor) no que participan os mandos da Policía Nacional, Garda Civil, Policía Autonómica, Policías Locais e representante da Xunta de Galicia designado na provincia.

Entre os datos destacados sinala seis dispositivos de reparto de máscaras nos meses de abril, maio, xuño, setembro, novembro de 2020 e comezos de xaneiro de 2021. O número total distribuídas polo Executivo na provincia de Ourense foi de 448.500 unidades. Os destinatarios das mesmas foron entidades sociais -fundamentalmente Cruz Vermella, Cáritas e Cermi-, Concellos, traballadores, entidades empresariais e usuarios do transporte público.

Sobre as consultas ás que tiveron que dar resposta durante o Estado de Alarma, relata que se elaboran informes e contestáronse ás realizadas por cidadáns, empresas, asociacións e distintas administracións públicas. Foron 1.550 por correo electrónico e 1.350 telefónicas. Ademais, tramitáronse 49 solicitudes de desinfección de centros residenciais de maiores e de persoas con discapacidade, das cales 38 foron realizadas pola UME e 11 pola Brilat e traballouse na desinfección do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, estacións de bus e tren de Ourense, CHUO, Hospital de Piñor e hospitais comarcais de Verín e O Barco de Valdeorras, realizadas pola UME, entre outras accións.

«Preocupounos o tema de furtos e asaltos a vivendas no medio rural»

Dende a Subdelegación do Goberno houbo que traballar, ademais de no control da pandemia, noutros temas de seguridade cidadá, algúns deles preocupantes.

-Houbo un momento neste verán e antes da pandemia que houbo unha situación de delincuencia que nos preocupou, e tivemos que intensificar e valorar. Foron os asaltos e furtos en vivendas no medio rural por parte de bandas organizadas. Ó final non eran da provincia e eran itinerantes e tivemos que estar moi pendentes da situación. E tamén cabe resaltar que durante a pandemia houbo segundas vivendas da Baixa Limia e Allariz que foron obxecto de roubos, porque sabían que non había ninguén, pero resolvéronse.

-Como cualifica a inversión do Estado na provincia?

-O foco fundamental levouno a construción do AVE, pero cabe destacar a inversión en estradas, co tramo de circunvalación no Barco e da Barrela; ademais do acondicionamento e a seguridade viaria na N-120. E outras obras que estamos a punto de licitar.

-Atrévese a pór unha data para a chegada do AVE?

-O tramo Pedralba-Ourense atópase coa fase de probas iniciada, cun horizonte de posta en servizo fixado a mediados deste ano. No ramal de Taboadela a Ourense os traballos están concluídos a falta de remates e, en xuño, completouse a adecuación dos andéns da estación de Ourense. E nos Orzamentos Xerais do Estado 2021 recollen unha dotación de 26 millóns de euros para a Variante Exterior. Co cal será unha realidade mais pronto que tarde.

-Será este ano?

-26 millóns de presuposto en un ano dá para empezar a pensar nunha dotación orzamentaria importante. Nós presupostamos para executar, non para non facelo, polo tanto espero que siga o mesmo camiño. É mellor dicir isto, porque é imposible facelo nun ano. Será un revulsivo económico, un fito histórico.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Hai que mellorar na responsabilidade individual desta crise sanitaria»