Ourense cumpre ca Xeración Nós e dálle o seu nome á biblioteca

María Doallo Freire
maría doallo OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

Galaxia presentou a reedición de dez obras vencelladas aos autores máis senlleiros

29 dic 2020 . Actualizado a las 07:22 h.

Ourense é a cidade de Nós e a Biblioteca Pública xa ten oficialmente este nome. Así pode lerse na placa descuberta este luns na entrada do edificio. O acto estaba previsto para o pasado 30 de outubro, coincidindo coa data de publicación do primeiro número da Revista Nós fai cen anos, pero o covid atrasouno. Onte fixérono coincidir coa presentación da Colección Biblioteca Nós, unha reedición de dez obras relacionadas cos autores máis representativos da Xeración. «Esta é a cidade na que naceron a maioría deles. O seu traballo é decisivo para entender a literatura contemporánea, de aí a importancia desta colección e a decisión de dala a coñecer aquí», explicaba durante a presentación Antón Vidal Andión, presidente da Editorial Galaxia, que se encargou da edición dos libros co apoio da Xunta. Na súa intervención tamén lembrou que Galaxia, fundada en 1950, naceu como continuación á Xeración Nós: «É sucesora do galeguismo e un proxecto político e cultural do nacionalismo galego».

Na colección están incluídos tres títulos de Otero Pedrayo, Polos vieiros da saudade, Entre a vendima e a castañeira e O señorito da reboraina; e dous de Vicente Risco, Leria e Teoría do nacionalismo galego. Tamén publican Antífona da cantiga de Ramón Cabanillas e Diario 1921 de Castelao. Unha escolma de textos escritos entre 1900 e 1923 por Antonio Losada Diéguez e titulada O esquecido mentor de Nós; outra escolma de artigos de Antón Villar Ponte como Co pensamento na patria e unha biografía de Vicente Risco firmada polo tamén escritor ourensán e articulista durante moitos anos de La Voz de Galicia, Carlos Casares.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o presidente da Deputación provincial, José Manuel Baltar, fixeron alusión á importancia de Nós en toda Galicia e fóra dela. «Algo que demostra que sexa a palabra do ano 2020», apuntaba Baltar. E é que o Portal das Palabras, a páxina web para a divulgación do léxico galego da Real Academia Galega (RAG) e da Fundación Barrié, facía público onte o resultado da votación popular. «Este colectivo, que levamos todo o ano homenaxeando no centenario da súa creación, revolucionou a Galicia do seu tempo alargando as nosas fronteiras culturais e alumeando a conciencia colectiva dá nosa terra. Naceu en Ourense e dende aquí expandiuse ao resto do mundo. O seu papel é único para entender o que é hoxe Galicia», afirmou Román Rodríguez.