Dende a Operación Quilo: grazas de corazón!


Incluso nestes meses de covid que estamos a vivir puidemos organizar a edición número trinta e catro da Operación Quilo, este ano co lema «Semente de solidariedade». Cremos que este é un momento clave para que todas e todos crezamos en solidariedade e axudemos a quen máis o precisan.

Repartido todo o recadado ata o 22 de decembro, só nos queda agradecervos a todas e cada unha das persoas que participastes nesta edición a vosa xenerosa quilaboración. Grazas a vós, 16.965 kilogramos de alimentos, 7.160 kilogramos de xoguetes e 9.876,71 euros cos que se compraron alimentos, 356 persoas implicadas directamente e 4.252 persoas poderán pasar un pouco mellor este Nadal de 2020.

Desde aquí querémosvos facer chegar o noso máis sentido agradecemento ás Cáritas parroquiais, que acompañades durante todo o ano as persoas para quen nós facemos chegar o extra de alimentos e xoguetes no Nadal. Grazas tamén a quen doastes o voso peso en quilos e a quen nos permitistes colocar carros para a recollida nos supermercados. Grazas a quen dedicastes o voso tempo a quilaborar de calquera das formas (na recollida e colocación de alimentos, preparando xoguetes, indo a establecementos e empresas...). Grazas a todas as entidades, empresas e establecementos que sempre nos prestades apoio e quilaborades con nós desde a múltiples propostas e iniciativas. Grazas a todas as persoas anónimas que deixastes alimentos nos supermercados, doastes xoguetes ou diñeiro... Grazas a todas as familias que nos apoiades e confiades en nós para educar as vosas fillas e fillos na sensibilidade, o compromiso e a solidariedade, porque estas mozas e mozos de hoxe serán as persoas adultas solidarias e comprometidas de mañá. Grazas a todas as mozas e mozos que vos animastes a quilaborar e respondestes de maneira xenerosa e comprometida ás propostas coas que queremos axudar a quen máis nos necesita. Grazas a La Voz de Galicia e aos outros medios de comunicación que fostes transmisores da campaña e con iso facedes visible a solidariedade das ourensás e ourensáns e tamén a cara máis solidaria e participativa da mocidade. Grazas ás empresas que doastes produtos ou cartos para transformalos en alimentos. Grazas a quen vos comprometestes coa Operación Quilo mobilizando dun ou doutro xeito a moitas outras persoas. Grazas a quen cada ano dedicades tempo, esforzo, ilusión e compromiso no deseño, desenvolvemento, seguimento e peche da campaña… A todas e todos, grazas! Contigo, con vós, sementamos solidariedade desde 1987! Grazas e bo Nadal e próspero 2021!

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Dende a Operación Quilo: grazas de corazón!