Baltar reivindica a vixencia da Xeración Nós e a existencia dunha «nación cultural»

La Voz OURENSE

OURENSE

Videodebate organizado pola Deputación de Ourense sobre a Xeración Nós
Videodebate organizado pola Deputación de Ourense sobre a Xeración Nós CEDIDA

O presidente ourensán participou nun videodebate no que tamén estivo o presidente do PNV, Andoni Ortúzar

21 dic 2020 . Actualizado a las 15:18 h.

A Deputacíión de Ourense organizou este xoves un videodebate sobre «A vixencia do pensamento político de Nós». Nel participou o presidente provincial, que reivindicou o protagonismo de Ourense como «a base do movemento político, social e cultural» representado pola Xeración Nós. Na xornada tomaron parte outros invitados, entre os que destaca o presidente do PNV, Andoni Ortúzar.

O presidente da Deputación de Ourense defendeu que os postulados de Nós «están plenamente vixentes e son perfectamente actualizables», afirmando que fala sen complexos de Galicia como nación cultural, «pois temos unha terra, un pobo, unha fala e un sentimento de pertenza a unha realidade xeográfica, social e cultural, na que de seguro aínda quedan cousas por construír».

No acto, moderado polo presidente do Centro PEN Galicia, Luis González Tosar, participaron o presidente do Partido Nacionalista Vasco, Andoni Ortúzar, o presidente do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi, o secretario xeral de Compromiso por Galicia, Juan Carlos Piñeiro, a filóloga, Pilar García Negro, e o avogado e político catalán Lluís Recoder.