«No Ribeiro temos que recuperar terras para os nosos viticultores»

Rubén Nóvoa Pérez
RUBÉN NÓVOA OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

Juan Casares, presidente da D. O., apunta a escaseza de viñedos e de profesionais como os principais retos 

24 nov 2020 . Actualizado a las 14:36 h.

Juan Casares, presidente do Consello Regulador da D. O. Ribeiro, leva tres anos ao fronte da institución cun obxectivo claro: recuperar terra produtiva e viticultores para a causa da denominación máis antiga de Galicia.

-En que momento colleu á D. O. Ribeiro esta situación de alerta sanitaria?

-Estamos nunha situación moi complicada, sobre todo con este segundo peche da hostalería, que é o penúltimo elo na cadea de valor do viño. A canle Horeca supón absorber un 65 % do mercado dos nosos viños. Son provedores que deixan de vender, e afecta nosas adegas. Sempre digo que cada bar que pecha, é unha adega que o pasa mal. Como denominación de orixe non nos colle na mellor das situacións. Refírome como entidade. Está claro que desde que asumín a presidencia en agosto do 2017 había unha serie de datos que a min non me cadraban e por iso impulsei a actualización dun rexistro vitivinícola que levaba 25 anos sen tocar. Isto o que fixo foi marcarnos unha realidade. Falábase de máis de 5.700 viticultores e de máis de 2.320 hectáreas inscritas. Isto era o que constaba en todas as estatísticas oficiais. Despois de dous anos de traballo e de investir moitos recursos económicos, as cifras que temos agora é que son menos de 1.700 viticultores e estamos por debaixo das 1.200 hectáreas inscritas e produtivas. Os viticultores, ademais, teñan unha media de idade que está por riba dos 65 anos e nesas hectáreas temos máis de 20.000 parcelas.

-Como se chegou a esa perda de base produtiva?

-As motivacións pasan polas xubilacións e o abandono por falta de rendibilidade e isto, que acontece en todo rural de Galicia, no Ribeiro adquire unha importancia especial porque esa terra queda absolutamente inmobilizada. Non queda a dispor doutros viticultores ou adegas que queiran incrementar a súa base territorial. Esta é a esencia do problema do Ribeiro.

-Por onde pasa a solución?

-Nós impulsamos un estudio de custes de produción de uva, que esperamos ter un primeiro avance neste ano e teño a intención de poñer a consideración do pleno a elaboración dun censo ou catálogo de terras de dous tipos, sempre dentro do territorio da denominación de orixe. Por un lado, viñedos inmobilizados e por outro todas aquelas terras que puidesen estar en réxime de mancomún e que puidesen ser susceptibles de ser plantadas como viñedo e sobre as que a Consellería de Medio Rural debera, en caso de haber empresas e viticultores interesados, autorizar o cambio de uso. Esas son as ferramentas para aumentar a base territorial dentro do territorio que está marcado como denominación de orixe Ribeiro. Nós queremos que o Ribeiro siga sendo dono do seu propio futuro e que sexa unha D. O. cunha viabilidade garantida. Son medidas para pór en valor a figura do viticultor, non so do adegueiro senón tamén do viticultor. Temos que conseguir que aumente o grado de profesionalización dos viticultores, é dicir que cada vez haxa máis xente que viva disto, porque da viticultura pódese vivir. Nos dous últimos anos xa conseguimos que aumentara o prezo da uva, algo que era impensable hai uns anos. Se somos quen de poñer terra ao alcance do viticultor, penso que estaremos en condicións de aumentar esa profesionalización.

-Se non se actúa que perspectivas de futuro ve para O Ribeiro?

-Cos datos que temos, cun descenso paulatino do número de viticultores e de hectáreas, un aumento exponencial da inmobilización de terra, a falta de muda xeracional e esa media de idade que supera os 65 anos, evidentemente as perspectivas non son moi positivas para o futuro. É o momento de que o Consello Regulador desenvolva medidas dentro das súas competencias e logo hai outra serie de funcións que non están escritas, pero que deben facerse tamén. Unha delas é xerar o terreo para que as administracións poñan as ferramentas necesarias para actuar.

-De que volume de terras estamos a falar?

-Temos que esperar a ter o estudio, pero a conta en principio é clara. Se se falaba de 2.320 hectáreas oficialmente e nós temos rexistradas por debaixo das 1.300 está claro que hai unha man chea de terra que se abandonou. Isto non significa que toda esa terra puidera ser rendible desde o punto de vista económico pero si hai zonas onde se puidesen impulsar medidas para facelas máis grandes. Iso é o que queremos co catálogo de terras, poder mobilizar esa terra.

-Que supón a nova sede para o Consello Regulador do Ribeiro?

-Creo que agora temos unha sede en condicións, cunha implicación da Xunta que nos cedeu os locais por un período de 35 anos dos que levamos consumidos tres, polo que temos sede asegurada para 32 anos. Temos unha sede digna e á altura do que é a denominación máis antiga.

-Os viños do Ribeiro pasan por un bo momento de recoñecemento.

-Estase recollendo o froito do traballo destes últimos 25 anos por parte de viticultores e adegueiros. Hai dúas maneiras de vivir ese recoñecemento. Unha é o nivel de vendas e o outro o número de premios obtidos. Neste último, no campionato mundial de Bruxelas levamos dous anos con grandes resultados.

«En premios, estase recollendo o traballo feito destes últimos 25 anos»