Arraianos achégase ao legado da revista Nós nun documental de carácter divulgativo

O obxectivo de «100 anos de Nós» é amosar a importancia do legado do proxecto


Galicia está a celebrar o centenario da aparición da revista Nós. O primeiro número saíu á rúa o 30 de outubro de 1920 e neste ano son variadas as achegas que se están a facer ao redor da Xeración Nós e da publicación que con só quince anos de existencia -a guerra civil de 1936 asinou a súa desaparición- marcou unha etapa sobranceira da historia da cultura e da sociedade galega. Dende exposicións a reedicións de publicacións, pasando por ensaios e estudos sobre a revista ou a xeración foron propostas que se desenvolveron ou que se están a amosar -no Gaiás permanecerá ata xaneiro a mostra «De Nós a nós»-.

Tamén dende o sector audiovisual. A produtora Arraianos, do ourensán Aser Álvarez, creou un documental cun obxectivo perfectamente definido: «facer un percorrido divulgativo por algúns dos contidos máis destacados da Revista Nós cen anos despois da publicación do seu primeiro número». Con dirección, argumento e guión de Aser Álvarez, «100 anos de Nós» é unha encomenda realizada pola CRTVG a Arraianos Produccións.

De Pepe Barro a Axeitos

O documental ten pouco máis de media hora de duración, gravouse en escenarios como a Fundación Vicente Risco e o Museo do Pobo Galego e creouse coa finalidade de contar cunha peza audiovisual «que nos permite entender dende a perspectiva de hoxe a importancia desta revista na Galicia contemporánea», segundo sinala o seu director.

En «100 anos de Nós» participan varios expertos nesta publicación multidisciplinar, como Luís Martínez Risco, Iria Friné Rivera, Miguel Anxo Seixas, Pepe Barro, Carme San Julián, Xosé Luís Axeitos, Xosé María Eguileta ou Carlos Bernárdez. Aspectos como o papel de Nós no paso da tradición oral á cultura literaria, a creación dunha iconografía e unha imaxe galega, a relación con Irlanda e co mundo da lusofonía ou o papel de figuras como Risco, Castelao ou Cuevillas son algúns dos aspectos sobre os que se centran as intervencións.

 

Pase en Ourense

Aínda que non hai previsión algunha ao respecto, Aser Álvarez agarda que se poda dar a oportunidade para amosar o documental en Ourense.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Arraianos achégase ao legado da revista Nós nun documental de carácter divulgativo