«Nós», a forza dun monosílabo

Francisco López-Barxas

OURENSE

15 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

PPaco López Barxas é xornalista e escritor. É autor de «Nós arredor de nós»

oucas veces o centenario dunha revista coma Nós sería tan celebrado de non ser porque detrás da súa cabeceira estaba un cenáculo de eruditos ourensáns que, conectados coas vangardas dos anos vinte do século pasado, puxeron a Galicia no mapa de Fontán. É ben sabido que este grupo, impulsado por Losada Diéguez, abriu o paso a toda unha xeración decisiva na cultura e na política do seu tempo. Poucas veces, repito, a forza dun monosílabo serviu de lanzadeira de Galicia alén das nosas fronteiras, pois detrás del atópase non só unha revista de alta costura intelectual, senón toda unha xeración que soubo proxectar a nosa identidade como pobo diferenciado no plano internacional. Nós é, polo tanto, un instrumento de país; un medio de comunicación co exterior e viceversa; un punto de encontro no que coinciden as principais correntes estéticas do momento, adaptando os saberes adquiridos á nosa específica realidade. Por iso desta xeración modernista ou prevanguardista podemos aprender aínda moitas cousas. Por exemplo que a cultura ten un papel fundamental no futuro dun pobo.

É certo que vistos individualmente os integrantes da xeración Nós son portadores dunha altura intelectual tan inmensa como incuestionable é a súa calidade humana. Pero as árbores non impiden ver o bosque do seu soño colectivo. De feito, Castelao podía tirarlle das orellas a Risco e deseguido fundirse con él nunha forte aperta. Temos a sorte de sabérmonos herdeiros dunha xeración histórica e imprescindible, que nos deixou un legado e un compromiso únicos, non sei se repetibles.

Otero, Risco, Cuevillas e Castelao tiveron como obxectivo común o descubrimento das nosas raíces, da antropoloxía, da etnografía, da arqueoloxía, da historia, da literatura, da xeografía... ainda que na arte mantiveran unha posición un tanto máis costumbrista e conservadora se a comparamos cos mergullos experimentais da coetánea revista Alfar na que moitos deles colaboraron simultaneamente. Por encima de todo os homes de Nós tiveron a Galicia como tarefa. A Galicia rural cos seus pazos e fidalgos, igrexas e mosteiros, cregos e labregos dos Camiños da vida de Otero Pedrayo, que nunca propuxo unha rotura co pasado.

En Ramón Otero Pedrayo ten Galicia un auténtico xigante da investigación, da xeografía, da historia e de todos os xéneros literarios, cun talento tan grande que o converte no noso Camoens do século XX, mal que lle pese a algúns. Xa no lo advertira Carballo Calero cando dixo que «admirábamos a Otero cando críamos que a literatura era unha arte [e que] deixamos de admiralo cando crimos que era unha arma».

Pola súa parte, en Floro Cuevillas tivo a xeración Nós un gran prosista e o gran arqueólogo do grupo. En Risco, en cambio, o intelectual puro, cunha deslumbrante capacidade ideolóxica, «ortodoxo en relixión», pero «heterodoxo en todo o demais», como dixo de si mesmo. Castelao é, asemade, o creador total; tan poliédrico e complexo que abraia en calquera disciplina.

A uns e outros debémoslle que acomodaran a lingua para os rexistros de expresión literaria, artística e científica. Como lle debemos que non puxeran o carro diante dos bois, senón o carro detrás dos soños. Os soños dunha Galicia aberta e sen cancelas, como a soñaron ao seu modo os trobadores medievais, os precursores e poetas do Rexurdimento, as Irmandades e o Seminario de Estudios Galegos. Ourense é o berce desa xeración indeleble na que, como cidade termal, ferveu a auga do talento creativo a máis de setenta graos.