A poesía de Valente volta a Ourense no vinte aniversario da súa morte

La Voz OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

A mostra «Auga, pedra e luz» poderá visitarse ata o 10 de xaneiro

15 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O centro cultural Marcos Valcárcel, en Ourense, acolle dende onte a exposición Auga, pedra e luz. Ourense e Almería no itinerario poético de José Ángel Valente, adicada ó poeta ourensán. A mostra serve para conmemorar o vinte aniversario da morte do autor, falecido en Xenebra.

A exposición fai un percorrido pola vida e obra deste intelectual ourensán con proxección internacional e namorado de Almería, onde pasou gran parte da súa madurez como escritor. «É a exposición máis importante sobre a figura de Valente. Retrata a traxectoria vital do autor, na que sobresae a súa ‘Augasquentes' natal, así chamaba á nosa cidade, e a súa Almería de adopción», afirmou José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, durante a inauguración da mostra.

O proxecto, no que se inclúen manuscritos, poemas, primeiras edicións e libros da propia biblioteca de Valente, parte dun traballo audiovisual de investigación dirixido por José Manuel Mouriño, comisario da exposición. Apóiase na heteroxeneidade de materiais artísticos da que fai gala a figura do poeta. Hai fragmentos das tomas en distintas localizacións e entrevistas pertencentes ao documental de Mouriño, tamén manuscritos e documentos de traballo orixinais do poeta, estampas familiares do seu arquivo persoal e ata publicacións especiais nas que a obra de Valente dialoga coa de grandes creadores coma Antoni Tapies, Eduardo Chillida, Leopoldo Nóvoa ou Antonio Saura.

José Manuel Mouriño define a Valente coma un sedutor da palabra. «Tivo sempre unha relación moi intensa e conflitiva con Ourense. En Almería buscou ir desaparecendo, aínda que quixo ser soterrado na súa terra», explicou.

O catálogo da exposición, que poderá visitarse ata o 10 de xaneiro, recolle ademais as aportacións ensaísticas de Claudio Rodríguez Fer, Marifé Santiago Bolaños, Fanny Rubio, Alberto Ruiz de Samaniego ou Miguel Ángel Ramos. Tamén a testemuña do recentemente finado Julio López Cid, escritor e amigo de Valente que relatou ata os seus derradeiros días as vivencias xuvenís do poeta no Ourense da posguerra.