O exalcalde de Ourense do PSOE, Francisco Rodríguez: «Non hai outra saída que unha coalición co PP»

Miguel Ascón Belver
Miguel Ascón OURENSE

OURENSE

Francisco Rodríguez, exalcalde de Ourense
Francisco Rodríguez, exalcalde de Ourense Álvaro Vaquero

O exrexedor reclama unha consulta á militancia pero defende un pacto estable cos populares

10 nov 2020 . Actualizado a las 10:12 h.

Francisco Rodríguez (Ourense, 1954) foi alcalde do PSOE desde o ano 2007 ata que no 2012 dimitiu por verse implicado na Operación Pokémon. Mentres espera a resolución definitiva desa causa, observa desde a distancia a excepcional situación que agora vive o Concello. Defende abertamente unha coalición co PP. «É unha reflexión como cidadán de a pé, normal, porque nin teño militancia en ningún partido nin nada de nada. É a opinión que poden ter cada un dos 103.000 habitantes que vivimos nesta cidade», di.

-Como ve a situación?

-Vexo con fonda preocupación o que está sucedendo nun momento extremadamente complicado, nunhas circunstancias excepcionais. A min, como cidadán, prodúceme moítisima tristeza observar o espectáculo que se está a vivir na nosa cidade desde hai un tempo. E sobre todo dáme tristeza, e non o digo como crítica, que tampouco haxa unha reacción como debería haber por parte da nosa sociedade para intentar poñerlle coto a unha situación que está prexudicando moi moito a vida dos cidadáns de Ourense.

-É posible gobernar a cidade co apoio de so dous concelleiros?

-Non. Eu creo que é un caso que non se produciu nunca na historia, que unha cidade de 103.000 habitantes estea gobernada por un alcalde e dous concelleiros. Eu creo que iso é unha anomalía. Nin o Jácome nin ninguén pode gobernar con tres concelleiros.

-Pero, se el non dimite, como se arranxa isto?

-Agora é o momento da política con maiúsculas. É o momento de asumir responsabilidades por parte de todos. E isto soamente o pode resolver un acordo entre PP e PSOE. Legalmente é a única posibilidade. Pero a gran pregunta e o para qué. Para que temos que resolver isto? Primeiro, afirmar que non se pode gobernar con tres concelleiros. E segundo, hai que configurar un goberno de dea certa estabilidade para facerlle fronte ás responsabilidades que ten que asumir nunha situación que é excepcional. Obviamente o PP e PSOE deben asumir a súa responsabilidade, pero dito isto tampouco quero excluír a ninguén. Temos que buscar solucións excepcionais para unha situación que é dramática e que pode ir a peor nun futuro inmediato.

-Vería entón con bos ollos unha coalición co PP?

Non é ver ou non ver con bos ollos. É ver que non hai outra saída que unha coalición co PP. Sabemos das súas diferenzas e que politicamente PP e PSOE son adversarios, pero neste momento eu creo que non fai falta que se abracen. Eu faría unha chamada á responsabilidade destes dous partidos que, por historia, sempre gobernaron esta cidade e este país. Hai que estar á altura das circunstancias. A min prodúceme unha sensación moi estraña cando leo que fulanito enviou un wasap ou unha carta... Deixémonos de gilipolleces e de tonterías e poñamos como prioridade o importante. E o importante nestes momentos é dar unha resposta á situación da cidade, que o está pasando mal desde o punto de vista social e económico. O que hai que facer é xuntarse, a poder ser todos os grupos mellor, e buscar acordos para un orzamento, un plan xeral de urbanismo, medidas excepcionais para axudar aos pequenos comerciantes, para axudar a quen non ten para comer... Ademais, a situación económica do Concello é moi moi positiva e nese escenario hai que deixarse de cousas irrelevantes. Hai que esquecer de siglas

-E realmente ve iso posible?

-Eu sei que noutros momentos podía parecer atrevido dicir isto, pero agora mesmo teño a sensación de que é un clamor. E eu invitaría que, ademais da cidadanía, estiveran igual de esixentes as institucións: empresarios, sindicatos, asociaciones veciñais....

-O PSOE defende gobernar en minoría cos seus nove concelleiros. Non chega con iso?

-Os gobernos en minoría no sistema democrático que temos non funcionan. Nos últimos catro anos de goberno do PP sempre se queixaban de que non puideron facer nada porque non tiñan maioría. Pois é así. Se estivera garantido que imos estar todos á altura das circunstancias e aprobar uns orzamentos e aprobar un plan de urbanismo e unhas inversións con nove concelleiros... Pero sabemos que non vai ser así. Non funciona así. Aquí soamente se garante que haxa unha política social e económica nesta situación de emerxencia cunha maioría estable, non egoísta, non interesada e posta ao servizo dos cidadáns. Sería un exemplo extraordinario tamén para devolverlle a credibilidade aos políticos. Para facer política quedan dous anos e pouco para as eleccións.

-Cre que Villarino está xestionando ben o proceso, levando por exemplo a moción a unha notaría?

-Villarino poderá facer o que el considere. A min o que me parece é que sería importante, e máis se estamos falando de acordos con outros partidos políticos, escoitar tamén a militancia. Iso é bo para todos, incluído para os dirixentes políticos. Se Villarino tivese un apoio unánime da militancia, sentir ese respaldo para el sería extraordinario. Supoño que el intentará facelo o mellor que sabe ou que entende, pero xa non é cuestión de mandarse cartiñas ou chamadas... Para isto hai que sentarse ao redor dunha mesa os responsables autorizados para facelo. O resto é marear a perdiz e levamos dous meses perdidos. Os cidadáns de Ourense non se merecen iso.

-Ter unha xestora imaxino que non axuda para canalizar esa consulta á militancia, non?

-Se as cousas queren facerse, fanse. A historia de xestora ou non xestora, vendo os problemas que ten a cidade, é irrelevante. O normal sería que esa xestora estivera superada e que houbese unha dirección orgánica como Dios manda, pero se non é así hai formas de convocar á militancia. Eu estou seguro de que a militancia do PSOE o entendería, igual que estou seguro que os votantes e a cidadanía en xeral estarían de acordo en apoiar ou entender polo menos que é necesario un pacto de goberno.

-E os concelleiros do PSOE. Algúns non queren nin oír falar dunha coalición co PP.

-Eu teño que respectar a súa forma de entendelo. Creo que a ninguén lle gustaría a priori unha coalición co PP, igual que aos do PP non lles gustaría unha coalición co PSOE. Pero, se somos capaces de superar eses complexos, podemos afrontar esta situación excepcional. A min non se me ocorrería propoñer isto nunha situación normal, pero esta situación é excepcional. Neste momento non hai outra solución. Aquí, todo o mundo está dando opinións e xuízos de valor pero ata onde eu sei para unha moción de censura so hai unha solución, un acordo de PP e PSOE. Ou, se non, segue gobernando Jácome. Non hai máis alternativas. Coa situación que estamos a vivir a consecuencia do covid-19, pode esta cidade permitirse o luxo de estar sen goberno? Eu creo que non, sinceramente.

-E non afectaría ese pacto ás aspiracións electorais do PSOE no 2023?

-Seguramente. Para o PSOE e para o PP, pero temos que levantar a vista e deixarnos de pensar se dentro de dous anos nos prexudica ou favorece. Máis que calquera apetencia lexítima que poidan ter para dentro de dous anos, a súa responsabilidade está na situación que hai hoxe. Eu creo que, polos 103.000 habitantes que hai en Ourense, ben merece a pena facer un esforzo e que deixemos outras cuestións de tipo partidario. Igual se estivera militando activamente pensaba doutra maneira, non sei. Pero, agora coa liberdade que da a tranquilidade de ver o que acontece sen estar limitado por ningunha cortapisa, é o que penso. E creo que é o que pensa unha gran maioría dos ourensáns.

-Coñecendo a Jácome non era previsible que o goberno se rompese?

Por suposto que si. Pero eu creo que se hai que castigar a un partido ou a outro polo que fixo mal, xa chegará o momento, Pero agora non é o momento de axustar contas, é o momento de aportar solucións. O pobo non é tonto e no seu momento terá que pasarlle afactura a quen considera que non fixo o que tiña que facer.

-A exconcelleira Áurea Soto pediu volver ao partido tras quedar libre de culpa. Se ocorre así con vostede, fará o mesmo?

De momento é un tema que eu non pensei. Hai unha cousa que está clara. Un milita nunhas ideas, máis alá de que milite nun partido político ou non. E militarei nesas ideas ata que morra. Se volvo ao PSOE ou non, agora non pasa pola miña cabeza. Estou máis preocupado pola cidade que por volver ao PSOE.