A Xunta e Vilariño de Conso estudan dotar ó Parque do Invernadeiro dun novo acceso dende o concello

La Voz OURENSE

OURENSE

cedida

Habilitarán unha pista que permita conectar ambos puntos e mesmo no futuro unha senda peonil

05 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Vilariño de Conso analizarán as posibilidades de colaborar co fin de dotar ao Parque Natural do Invernadeiro dun acceso que permita conectar de forma directa o núcleo municipal con este espazo natural. Así o acordaron a conselleira Ángeles Vázquez e a alcaldesa Melisa Macía no transcurso dunha reunión telemática para abordar este e outros asuntos de interese municipal. A demanda do Concello de Vilariño, tal e como expuxo a rexedora, pretende resolver a falta actual de acceso directo desde o municipio ao parque natural, que discorre integramente por este concello. Habilitando unha pista que permita conectar ambos puntos e mesmo no futuro unha senda peonil, explicou, resolveríase esta carencia e contribuiría a abrir o parque aos veciños de Vilariño de Conso e do resto da comarca.

Conselleira e alcaldesa coincidiron en subliñar a importancia do Invernadeiro para o municipio e a súa contorna, tanto polo seu valor e riqueza patrimoniais como polo reclamo que supón desde o punto de vista turístico para visitantes e amantes do sendeirismo. Así mesmo, a rexedora tamén incidiu na necesidade de aproveitar as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para reforzar o potencial do parque neste sentido, polo que lle propuxo á conselleira a posibilidade de analizar conxuntamente como promover o uso de ferramentas tecnolóxicas para dar a coñecer O Invernadeiro entre o público en xeral. Pola súa parte, a conselleira de Medio Ambiente animou ao Concello de Vilariño a seguir explorando diferentes vías para promocionar e atraer máis visitantes ao parque, e ratificou o compromiso do seu departamento coa posta en valor dun espazo que, ao igual que o resto de zonas protexidas da Comunidade, forma parte do patrimonio natural que conforma a chamada Galicia verde. Neste sentido, cómpre lembrar que na última década, a Consellería investiu no Parque Natural do Invernadeiro un total de 1,35 millóns de euros en diferentes tipos de actuacións financiadas con fondos propios.