Concellos de la Ribeira Sacra firman un pacto de coidado da paisaxe

La Voz OURENSE

OURENSE

cedida

A consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presidiu a firma do convenio

29 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O primeiro Pacto pola Paisaxe que une Lugo e Ourense deu o paso definitivo coa sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta , a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra. A finalidade principal deste pacto é protexer, xestionar e ordenar a paisaxe que conforman os 21 concellos que se integran nesta área paisaxística. A consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presidiu a firma do convenio polo que se impulsarán accións para velar polos valores naturais e patrimoniais que atesoura esta área de interese paisaxístico, que resulta da fusión de dúas: a do Canón do Sil e do Canón do Miño. Este convenio implica un orzamento de 550.000 euros, que serán achegados pola Xunta de Galicia na súa totalidade.

O pacto recolle unha serie de actuacións iniciais, como a realización de murais e esgrafiados, a delimitación de itinerarios de interese paisaxístico, a organización de eventos culturais e de ocio, así como a organización dunha mostra itinerante sobre esta zona que percorrerá toda Galicia. Tal e como explicou a conselleira,  é un dos dez proxectos que integran o Plan de acción estratéxico para a Ribeira Sacra, que puxo en marcha o departamento que dirixe e que está dotado cun orzamento de 3,5 millóns de euros, e que representa unha estratexia de actuación ambiental e de ordenación do medio físico beneficiando a un total de 30 concellos.