«'Jauría' é necesaria para a sociedade»

OURENSE

Vanessa Rábade

O intérprete Martiño Rivas actúa este domingo no Principal cunha obra baseada no caso da Manada

24 oct 2020 . Actualizado a las 20:51 h.

Martiño Rivas (Vimianzo, 1985) tiña 13 anos cando se puxo fronte ás cámaras por primeira vez. Vinte anos despois, o que fai que hoxe siga formando parte dos proxectos audiovisuais e teatrais máis relevantes do panorama nacional é, entre outras cousas, a súa constante evolución como actor. Tamén están a súa capacidade intrínseca para implicarse e vincularse a cada novo reto interpretativo e o seu afán por dar o mellor de si mesmo tanto profesional como persoalmente.

Di que leva anos namorado do Teatro Principal de Ourense, pola súa beleza particular e polo clima íntimo e cálido que se produce no seu interior cada vez que se levanta o telón. Alí actuará este domingo, ás 19.00 horas, xunto a María Hervás, Franky Martín, Ignacio Mateos, Javier Mora e Raul Prieto. En «Jauría», Martiño métese na pel dun dos membros da Manada. As trinta entradas dispoñibles para o espectáculo poderanse comprar a partir de hoxe ás doce da mañá.

-Como home, como viviu o caso da Manada?

-Foi un caso moi perturbador. Era unha realidade que rexeitaba completamente. No momento vivino como algo que poñía en evidencia unha inxustiza manifesta, un mal que hai na nosa sociedade e que hai que corrixir. A incomprensión que me producía o que estabamos a coñecer, encerraba tamén para min unha certa sensación de culpabilidade por pertencer a un colectivo que era o que estaba exercendo a violencia. Fíxome reflexionar moito e cuestionarme cousas do meu propio comportamento no pasado, das reaccións que tivera fronte a determinadas escenas, afondar na situación e no que eu podería cambiar pola miña parte. Digamos que prendeu unha luz nunha habitación que antes estaba a escuras.

-Que pensou cando lle presentaron o proxecto de «Jauría»?

-Sentín vertixe. Por un lado tiña moitas ganas de facer algo que resoase coa actualidade. Sempre entendín o teatro, e as artes en definitiva, coma un reflexo do momento no que vivimos, coma unha plataforma ou terreo no que reflexionar sobre a condición humana. Ata ese momento non tivera a oportunidade de participar nesa vertente teatral. Por un lado estaba desexando meterme nesa dramaturxia comprometida, politizada e que nos obriga a mirarnos nós mesmos. Por outra banda, era consciente de que o que tiñamos entre mans era un material moi sensible, que podería ser froito de moitas críticas e que tiñamos que levalo a cabo con todo o rigor. Para min, Miguel del Arco -director de «Jauría»- é unha das voces máis interesantes do teatro nacional, e por suposto tivo a miña confianza dende o primeiro momento.

-A súa primeira interpretación en teatro documental.

-Si, é unha corrente teatral que me interesa moitísimo e que penso que é necesaria utilizar como arma cultural, como forma de incitar ás mentes a reflexionar e darlle voltas a temas realmente importantes. Recordo quedarme fascinado a primeira vez que coñecín o traballo do director Milo Rau, por exemplo. Obras súas coma «Five easy pieces», na que conta a historia do asasino e pederasta belga, Marc Dutroux, a través dun elenco de nenos, removéronme algo dentro. Recentemente vin «Prostitución» e pasoume o mesmo. Neste tipo de teatro móstrase unha realidade que igual non coñecemos tan en profundidade como deberiamos e o que consegue é que o espectador saia de ver a función sentindo que algo lle cambiou dentro.

-Non só interpreta a un membro da Manada...

-Non, nós facemos tres papeis cada un. Somos os acusados, tamén os avogados dos acusados e por último os xuíces que están determinando cal é a sentencia que máis se axusta ao caso.

-Debeu ser complicado traballar nunha dualidade tan complexa, entre os malos e os que deberían ser bos, ou, polo menos, xustos.

-Foron moitas semanas de ensaios e de ir transitando por distintos estados. Recordo que para nós foi especialmente doloroso meternos na pel dos avogados da acusación porque a consigna do director era que tiñamos que desmontar á vítima. María é excelente, é unha das actrices máis talentosas e máis sensibles coas que traballei nunca, ten unha tremenda capacidade para plasmar as emocións da alma humana. Tanto, que ao principio deses ensaios, mentres relataba o que lle acontecera como vítima, tiñamos que parar de seguido porque se non era un, era o outro, iamos derrubándonos.

-Que ten «Jauría» que conquista a todo o mundo?

-Creo que un dos motivos polos que a obra funciona tan ben é porque deixa espazo ao público para que faga a súa propia valoración e o seu propio xuízo. O que intentamos foi retratar todo o que foi o proceso, dende que se produce o crime ata que hai unha sentencia, sen que o posicionamento sexa explícito. Aínda que evidentemente esa posición existe. «Jauría» é unha obra necesaria para a sociedade.

-Debido ás restricións coas que conta Ourense, mañá actuarán fronte a trinta persoas. Que se sinte?

-Creo que falo en nome do elenco enteiro se digo que nos sentimos moi afortunados por poder seguir subíndonos a un escenario e seguir levando este proxecto a distintas cidades, tendo en conta a complexidade da situación actual na que nos atopamos. Temos a necesidade de regalarlle a nosa mellor versión á toda a xente que está apoiando as artes nun momento tan difícil. Eu estou profundamente agradecido de que haxa persoas que se sentan nas butacas e confían na cultura. Esta obra está pensada en forma de testemuñas que se contan directamente ao público. A maioría da función estamos falando con el, tentando establecer unha relación co espectador, e neste contexto de intimidade agardamos que a experiencia que provoque incluso sexa maior.

-Que lle gustaría facer agora?

-Encantaríame volver a traballar aquí, na casa. Levo moitos anos fóra e o que máis me apetece é pasar unha longa tempada en Galicia. Desgraciadamente aínda non xurdiu a oportunidade pero agardo que chegue.

Santi M. Amil