Ernesto Romero: «Levo poñendo películas dende 1966 e volvería a facelo» 

La Voz

OURENSE

MIGUEL VILLAR

O dono do Novocine de Leiro recolleu o premio Rodolfo Prada de xestión cultural nun acto celebrado no parador de Santo Estevo 

08 oct 2020 . Actualizado a las 14:59 h.

A Deputación de Ourense creaba hai uns anos os premios Rodolfo Prada de xestión cultural. Unha iniciativa que ten como obxectivo manter vivo o legado e a memoria do que fora albacea de Castelao e recoñecer o traballo das persoas que se distinguen por proxectos desenvolvidos no sector cultural. Na terceira edición da convocatoria os galardóns foron para Ernesto Romero, propietario do Novocine de Leiro; o Náutico de San Vicente do Mar e o proxecto Platea Lúa. Os premios entregáronse nun acto que se celebrou no parador de Santo Estevo de Ribas de Sil.

O dono do Novocine de Leiro reafirmouse na súa paixón cinéfila e o seu amor pola sétima arte. «Levo poñendo películas dende 1966 e volvería a facelo», sinalou na súa intervención Ernesto Romero. Recoñeceu que o galardón chegaba nun bo momento, por servir de apoio nun tempo difícil «por cousas que teño pasado», e lembrou que houbo xente que lle asegurou no seu día que non se podía traballar no que a un lle gusta. A súa experiencia vital demostrou que si era posible: «Eu puiden. E volvería a facelo». 

MIGUEL VILLAR

O parador de Santo Estevo de Ribas de Sil acolleu o acto de inauguración da ICC Week, a semana das industrias culturais que organiza a Deputación de Ourense, e no mesmo tamén se procedeu á entrega do premio Xosé Aurelio Carracedo de xornalismo. Nesta edición o galardón recoñeceu o traballo do xornalista Pablo Varela, de La Voz de Galicia.O premiado co Xosé Aurelio Carracedo incidiu en que o proceso de produción xornalística esixe observar, ter curiosidade e paciencia.