Mauro Chao, unha vida entre bastidores

O Ribeiro despídese do fillo dos actores Ernesto Chao e Rosa Álvarez, que traballaba como tremoia no Centro Dramático Galego

Mauro Chao, na imaxe entre a súa nai Rosa Álvarez e o director da MIT, Roberto Pascual, na homenaxe do ano pasado ao seu pai
Mauro Chao, na imaxe entre a súa nai Rosa Álvarez e o director da MIT, Roberto Pascual, na homenaxe do ano pasado ao seu pai

Ourense

Ribadavia despide a Mauro Chao, que faleceu en Compostela, onde vivía e traballaba como técnico do Centro Dramático Galego. El, ao contrario que seus pais, os actores Ernesto Chao e Rosa Álvarez, elixiu estar entre bastidores, na tremoia. Era, como di un dos seus compañeiros durante os últimos trinta anos, unha rata de escenario. «Pasáballe como a min. Que viviu o teatro toda a vida, desde que naceu», explica Salva Forján. E engade: «Era moi xeneroso e, a nivel profesional, era unha persoa que cando estaba se notaba a súa presenza».

Outro compañeiro do equipo técnico, Fran Veiga, tamén coñecía a Mauro desde hai tres décadas, cando comezou a traballar con el, moi novo. Máis que a adxectivos, recorre a un recordo de hai vintecinco anos. «Se podía facerche un favor, facíacho. Cando morreu meu pai estabamos en Manzaneda os dous, co ballet Rey de Viana. Chamáronme e dixéronme que non pasaba desa noite. Eu non conducía e levoume desde Manzaneda hasta Cariño», lembra agora.

Nestes días de recordos os compañeiros do equipo técnico lembran unha montaxe accidentada de hai moitos anos no desaparecido Teatro Malvar. Era O sono dunha noite de verán. Preocupáballes o estado do piso do escenario, sobre todo porque se empregaba unha carra, un elemento escénico que se move con rodas, que era moi voluminosa. Un dos responsables da tremois encargado de movelo era Mauro. E no terceiro acto, parte do piso venceu, afundíndose unha roda. Lembra un dos compañeiros que a estrutura, duns catro metros, quedou completamente inclinada. E na parte de arriba, un acto: Ernesto Chao, o pai de Mauro. Aínda lembra entre risas como non dubidou en colgarse e facer de contrapeso durante todo o terceiro acto, cando a carra fixo o amago de caer para adiante. «Non recordo canto duraba pero aínda duraba... e coido que mirou pola montaxe pero tamén polo seu pai», rememora este compañeiro. 

Participou, o ano pasado, emocionado e a carón da súa nai, na homenaxe que a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia lle rendeu ao seu pai, que falecera meses antes. «Naquel entón puidemos comprobar a admiración dun fillo pero tamén esa dor profunda, a da perda irreparable, a do baleiro da ausencia», rememora Roberto Pascual, o director do certame. «Mauro Chao Álvarez, fillo e pai, foi unha persoa sensible, transmitía sensibilidade e admiración pola súa xente cercana. El, coma seu pai Ernesto e súa nai Rosa, viviu a profesión teatral, pero dende as bambalinas, por detrás, alí onde as bágoas non se fan tan visibles. Marchou coa súa dor contida e déixanos esa admiración que pode calmar e aliviar, se algo pode calmar esa dor dunha nai», lembra con agarimo Pascual.

Ironías da vida, a súa nai despídeo na semana no que tiña que recoller un premio pola súa traxectoria no festival de cine.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Mauro Chao, unha vida entre bastidores