O Fetega incluirá unha lectura internacional de Carvalho Calero e escola de espectadores

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

cedida

O festival de teatro ofrecerá un ciclo de monólogos cómicos

22 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Festival de Teatro Galego do Carballiño (Fetega) chega este ano cunha edición marcada polas novidades. Entre outras o relevo de Josi Lage na dirección do certame -Carlos Ledo asumiu esa responsabilidade e a actriz segue como directora artística- e as diferentes apostas que marcarán o Fetega da época do coronavirus. Así, o festival carballiñés contará este ano cunha lectura internacional de A farsa das zocas, de Carvalho Calero, unha escola de espectadores, incidirá de novo na dinamización -con moito teatro de rúa- e incluirá un ciclo de monólogos cómicos. O programa do Fetega 2020 foi presentado nun acto no que participaron, xunto a Ledo e Lage, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o director de Agadic, Jacobo Sutil, e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega.

Do 23 ao 26 desenvolverase o Fetega Celso Parada e as sesión do Auditorio Manuel María -20.30 horas- abriranse coa obra Clausura de amor, da compañía Cámara Negra. O grupo Pérez & Fernández estará o 24 coa montaxe Os nenos da varíola -as dúas obras son espectáculos coproducidos polo Centro Dramático Galego- e o día 25 será a quenda de Ibuprofeno Teatro e o seu espectáculo O mel non caduca. As sesión do Auditorio Manuel María pecharanse coa presenza de AveLina Pérez e a súa obra A que non podes dicir Coca-Cola?. Será o día 26. O ciclo de monólogos cómicos será os días 23, 24 e 25 na Casa da Cultura do Carballiño, ás 18.30 horas. Technologies, de Pedro Brandariz abrirá o programa e para o 24 está prevista a presenza de Arantxa Treus, coa súa proposta Sexo débil... o carallo!. O 25 será a quenda de Diana Sieira e Sempre o pensaches pero nunca o dixeches. O día 26 haberá unha performance: Proxecto Literarias.

Reivindicar «A farsa das zocas»

O Fetega 2020 incluirá unha lectura dramatizada de

A farsa das zocas

, de Carvalho Calero. Terá carácter internacional e na mesma participarán lectores e alumnos dos Centros de Estudos Galegos de todo o Estado, Portugal, Alemaña e Brasil. As lecturas serán de 30 minutos diarios e estarán coordinadas dende Galicia por Vanesa Sotelo. Será posible acceder ás mesmas polas redes sociais e por Youtube. Tamén en liña se poderá participar na Escola do Espectador de Teatro, que será coordinada por Pepe Domínguez Bueno e orientada a afeccionados e público en xeral.

A animación seguirá tendo un papel destacado no certame teatral do Carballiño e Barafunda ofrecerá varias sesións diarias das súas diferentes montaxes. A exposición

Outra pel, outro rostro

, as mesas redondas, a presentación da obra

DramaturGA 20

e a conferencia

Traxedias, Dramas, Comedias e Públicos

, de Afonso Becerra, completan o programa.