O OUFF estreará a curta «Non me espera ninguén» na gala de clausura

A cinta está protagonizada por Morris e Isabel Blanco


ourense / la voz

O OUFF 2020 estreará a curtametraxe Non me espera ninguén, de Amanda Ortega (Madrid, 1989) na súa gala de clausura. A curta, rodada en Ourense e Os Peares, acompañará á película Luarada, do ourensán Óscar Doviso, na cita do vindeiro día 3 de outubro. A obra de Amanda Ortega é unha comedia romántica que está protagonizada por dous coñecidos actores galegos -Antonio Durán, Morris, e Isabel Blanco- e que toma como base un conto de José Antonio Pastor. Non me espera ninguén conta coa produción de Ézaro Films, comandada por José Montero xunto co gañador de varios premios Goya Ángel de la Cruz -quen asina tamén o guión-.

Na historia da curtametraxe atopamos a Pepe -interpretado por Morris- como xefe do apeadoiro dos Peares, unha pequena vila galega da provincia de Ourense á beira do Miño. É un home bastante solitario e taciturno que dedicou a súa vida aos ferrocarrís. Un día coñece a Helena -Isabel Blanco-, que é unha pintora bohemia e romántica que está de vacacións na vila e que tódolos xoves toma un tren para ir á cidade. Pepe namórase dela, pero pásanselle os días -e os trens- sen que se atreva a dicirlle nada. Cando parece que definitivamente vai vencer a súa timidez, Helena non volve aparecer por alí. Xa xubilado, visitando unha exposición de trens eléctricos en Ourense, descubrirá que hai trens que só pasan unha vez.

Para a directora, Non me espera ninguén é «unha metáfora da vida a través da reflexión sobre a soidade, ou máis concretamente sobre a brevidade da vida e o deber que temos todos de non desaproveitala».

Luarada, de Óscar Doviso, é unha película que retoma a figura de Manuel Blanco Romasanta, o asasino en serie natural de Outeiro (Esgos).

Na gala de inauguración, o vindeiro 25 de setembro, o OUFF estreará a nova película do director ourensán Xavier Bermúdez.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O OUFF estreará a curta «Non me espera ninguén» na gala de clausura