«Vai ser un goberno de concentración para saír do paso»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

OURENSE

Abelardo Carballo, alcalde de Viana, co bastón de mando
Abelardo Carballo, alcalde de Viana, co bastón de mando AGOSTIÑO IGLESIAS

O exsocialista Abelardo Carballo é o novo rexedor de Viana do Bolo, e en pouco máis dun ano dimitirá para dar paso a Andrés Montesinos (PP)

04 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Levaba tempo falando publicamente da posibilidade dunha moción de censura en Viana do Bolo ante a falta de diálogo que, como voceiro do PSOE, denunciaba por parte do alcalde, Secundino Fernández. Así que o paso a non adscritos xa se mostrou como unha declaración de intencións do que ía pasar. E pasou. Desde o martes Abelardo Carballo é o sexto alcalde da democracia na localidade.

-Como chegaron ata aquí?

-Presentamos moitas mocións e non nos facía caso. Nunca nos tivo en conta. Tamén presentamos varias ofertas para un goberno, pero non nos aceptou ningunha. E ao final rebordou o vaso. Todo vai sumando e non nos deixou outro remedio. E foi por iso que nos botamos fóra do partido.

-Porque o PSOE non os apoia?

-Non temos apoio ningún. Na última reunión [uns días antes de presentar a moción] a agrupación de Viana pediulle [a Secundino Fernández] que se fóra, que dera un paso ao lado porque non nos entendemos. Apenas houbo 80 votos de diferenza, así que nós pedíamos cogobernar; pero non quixo. Ofreceunos unha tenencia compartida con eles, pero para que, para que nos engane de novo? Para Secundino Fernández todo é sacar foto para as redes, pero leva cinco anos sen facer nada. Non temos PXOM, nin iniciativas para cousas. Levamos tres anos sen presupostos e así non se pode estar.

-E houbo acordo co PP...

-Xuntámonos e imos gobernar. Vamos intentar facer que o concello funcione. Vai ser un goberno de concentración para saír do paso.