Ourense: E como vai ser?
Aos xornalistas moitas veces se nos acusa de querer demasiados datos. Que pedimos coñecer os pormenores de todo cando o que hai ás veces son apenas ideas de proxectos. Cando un político anuncia unha obra (e cos anos que levo ‘palillando’ xa fun a moitos anuncios...) pedimos saber cando se vai iniciar, cando se vai rematar, e cando se poderá usar, e canto custará, e quen o pagará (porque aínda que sabemos que a resposta é ‘nós’, tamén queremos saber a través de que administración chega)... Vamos, que somos de moito preguntar. E será por iso (aínda que polo que lle escoito a outras nais e a outros pais, é máis unha cuestión xeral que profesional) que estes días todas as dúbidas veñen arredor da volta ao cole. Porque a uns días de que os cativos volvan encher de vida os patios de escolas infantís, colexios e institutos, eu non teño máis que dúbidas. Volverán nas datas anunciadas? E haberá madrugadores? E terá servizo de comedor? E haberá extraescolares? E como serán os recreos, estarán sós os nenos de cada clase ou poderán interactuar cos demais? E como serán as clases de educación física na etapa das máscaras? E haberá sesións de laboratorio? Moitas dúbidas sobre o día a día dos rapaces dentro dos centros escolares. E moitas dúbidas tamén para os que estamos fóra das aulas. E se a miña filla ten que estar en corentena, poderei teletraballar? Terei que pedir unha baixa? Falou a ministra onte de que igual eran permisos retribuídos, que o van mirar. Para cando? O martes abren as escolas infantís, e seguimos esperando respostas. Como se o virus estivera de vacacións. E o virus está aquí. Para cando se vai pensar en que facer?
Comentarios