Comedia para os malos tempos: chega Woody Allen á praza

xiana fole garza OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Unha de Woody Allen foi a elixida para pechar o ciclo de cinema na praza
Unha de Woody Allen foi a elixida para pechar o ciclo de cinema na praza Agostiño Iglesias

Ourense pechou o ciclo de cinema ao aire libre

26 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Encaixada entre o Arquivo Histórico Provincial e a biblioteca pública asoma a lúa de agosto, presidindo o ceo das noites de verán. Na praza da República, ringleiras de espectadores observan o acender dos farois, tapiados con caixas de cartón nun apaño loxístico. Miran, en realidade, unha pantalla en branco, lista para a proxección: é o cinema na praza, organizado polo Cineclube Padre Feijóo dende hai xa moitos veráns.

Este ano non ía ser diferente. Con máscaras e distancia, si, pero coas mesmas ganas de vivir a experiencia. Parellas, amigos e personalidades diversas acoden á cita do luns, ben con bebida ou coas mans baleiras; ocupando os mellores asentos ou maldicindo o non ter chegar antes, mentres se retorcen nas súas cadeiras pregables. A ocasión promete gargalladas: «Take the Money and Run», a ópera prima de Woody Allen, é un triplete de guión, dirección e actuación para un cineasta americano que aínda non saltara á fama.

Un aviso: por favor, non quiten as máscaras; as cadeiras non se poden mover, tampouco intercambiar. Logo, comeza o filme -en castelán, por mor dun erro que impediu engadir subtítulos á versión orixinal e pese ás queixas dos abolicionistas da dobraxe-: as desventuras do coitado Virgil Starkwell, criminal por necesidade e non porque as dotes o acompañen. Unha cinta rodada en formato de falso documental que mestura sketches cómicos e gags intelixentes cun humor auto-pexorativo, anticipando maneiras do cine posterior de Allen. E facéndoo, ademais, dun xeito aparentemente efectivo, coa praza da República anegada de risos durante case hora e media. A localización escollida, sinala o director do cineclube, Manuel Precedo, tampouco é ningún antollo: é un xeito de dar a coñecer recunchos da cidade moitas veces esquecidos. Tras un intento errado pola choiva e malia os tempos que corren, non quixeron prescindir dunha alternativa cultural tan interesante. Así, á segunda por fin vai a vencida e a experiencia tradúcese nun éxito. Hai quen preferiría, para a próxima, a opción máis distendida de poderse tombar na herba.