Equinoterapia para mulleres e nenos vítimas de violencia de xénero

Xiana Fole Garza OURENSE

OURENSE

Lorena Álvarez, directora do Centro de Información á Muller de Verín.
Lorena Álvarez, directora do Centro de Información á Muller de Verín. Santi M. Amil

O CIM de Verín crea un programa de inmersión localizado nunha hípica

22 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O proxecto Respira, una aventura creada para ti é un programa de inmersión deseñado para mulleres e nenos vítimas de violencia. Dende o Centro da Información á Muller de Verín ponse en marcha esta experiencia terapéutica tan particular, emprazada nunha hípica e en pleno contacto coa natureza. «É un proxecto de inmersión, o que implica que imos contar con profesionais que van acompañar a esas nai e nenos dende o 24 ó 27 de agosto. En vez de traballar no despacho, queremos facelo en contacto coa natureza. A novidade é que vai ser nunha hípica», conta Lorena Álvarez, directora e psicóloga do CIM de Verín e do proxecto.

O programa conta con aloxamento, actividades acuáticas, tirolina, rocódromo e hípica, onde se realizará a equinoterapia. Isto implica a colaboración de psicólogas expertas en intervencións con cabalos, técnicas de hípica, monitores infantís e profesionais vinculados ó mundo equino. A experiencia inclúe tamén a proxección dun filme documental. O obxectivo, sinala Álvarez, é darlle a volta á terapia, traballar dende outro punto de vista. «Temos diferentes perfís de familias. Case todas son persoas que sufriron violencia, trauma, pero tamén contamos con pequenos con dificultades de aprendizaxe. Sabemos que este tipo de intervencións con animais permiten chegar a certos aspectos ós que non poderiamos acceder nunha consulta. Son os animais os que elixen ás familias en función das súas características. Para os cabalos, as persoas somos transparentes, conectan moi ben coas emocións dos nenos e co que poden estar pasando. Búscase crear ese vínculo», explica Álvarez.

Unha decena de familias, un total de dez mulleres e catorce cativos, serán os protagonistas deste proxecto piloto, pois o centro non realizou ningunha actividade semellante até o momento. «O que sabemos é que para as persoas que teñen algún tipo de trauma, abordalo dende o punto de vista do corpo e da actividade física dá resultados moito máis positivos», conta a psicóloga. Enfócano tamén coma un agasallo para aqueles nenos e nenas que, por teren risco de exclusión social, non adoitan desfrutar deste tipo de experiencias.

Por outra banda, o protocolo hixiénico da covid cumprirase rigorosamente: transporte con distancia, habitacións individuais con aseo propio e reparto de material de protección e máscaras, nun proxecto onde tódalas actividades serán ó aire libre. «Intentamos adaptarnos, pese ás dificultades da situación actual. É un proxecto que ogallá se poida quedar para outros anos. Penso que é unha experiencia moi bonita, sobre todo ofertada para os menores», conclúe.