Medio Rural aposta polo silvopastoreo como ferramenta contra os incendios

Xiana fole garza / r. n. p. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Visita a la explotación de porco celta en Osmo (Cenlle), aldea modelo de la Xunta
Visita a la explotación de porco celta en Osmo (Cenlle), aldea modelo de la Xunta Santi M. Amil

O proxecto, avalado pola USC, leva porcos celtas a aldea modelo de Osmo

20 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Aproveitar o terreo, recuperar a terra e anticiparse ós incendios forestais son algúns dos principais obxectivos das chamadas aldeas modelo, impulsadas pola Xunta de Galicia. No afán de consolidar esta misión, a Consellería de Medio Rural vén de crear unha comisión técnica de silvopastoreo á que pertencen expertos do propio goberno galego, da Universidade de Santiago e do Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Este novo organismo acudía onte a Osmo, a primeira aldea modelo galega, xunto co conselleiro de Medio Rural, José González.

«A Consellería de Medio Rural cre firmemente no silvopastoreo como mecanismo de prevención dos incendios forestais e como unha forma de protexer ás aldeas fronte estes. O que pretendemos é unir a administración co coñecemento técnico para decidir, en cada sitio, cal é o mellor tipo de gando e de instalacións que poñer», sinala o conselleiro. Sacar rendibilidade económica o terreo é importante, di, pero o silvopastoreo funciona fundamentalmente como ferramenta na prevención incendiaria: «Por suposto, hai que traballar na extinción, e nós temos un servizo de extinción de incendios extraordinario; hai que traballar na causa dos lumes, pero despois tamén temos que preparar o territorio e facelo máis resistente para que cando veña un incendio forestal, na medida do posible, as súas consecuencias sexan menores. Nese sentido, o silvopastoreo cumpre unha misión moi importante, e ímolo facer tanto nas aldeas modelo como nos polígonos gandeiros que desenvolvamos coa nova Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia».

A aldea modela de Osmo, situada no concello ourensán de Cenlle, é unha gandería en extensivo de porco celta. De entre todo o tipo de gando co que se pode incentivar o aproveitamento da terra escolleuse un porcino, de raza autóctona, por ser o que mellor se adaptaba ás características do terreo. «Son animais de campeo, que traballan moito. A razón pola que se elixiu o porco celta foi a vexetación da zona: medraba flora abundante, tanto robinia como mimosa, e polo momento parece que a teñen a raia. Co tema da covid retrasouse todo, agora mesmo os porcos levan un mes e medio neste terreo, de cerca dunha hectárea», explica Martín Touceda, o responsable da explotación.

Porén, este método de xestión de biomasa debe de planearse con coidado e seguindo sempre a recomendación experta. «Nós levamos máis de trinta anos estudando o tema do silvopastoreo. É importante facer un inventario florístico antes de decidir que tipo de animais se introducen, ou cantos por hectárea. O que se pretende é que os animais se alimenten desa flora que queremos controlar, para previr os incendios», conta Antonio Rigueiro, catedrático de Produción Vexetal na USC. Aclara que, de non controlarse, o silvopastareo pode traer consecuencias: «O porco celta, o que estamos visitado, arrasa con todo. Non só come, senón que foza, elimina case tódalas especies dos lugares nos que se introduce. Hai que ter tino coa carga gandeira de animais por hectárea e co tempo que están nas parcelas. Tamén poden traer efectos negativos, perda de solo ou dano ás especies arbóreas».