«É pornografía social, unha selección do peor da sociedade»

M. D. OURENSE

OURENSE

ANGEL MANSO

O escritor vigués Marcos Abalde acadou o premio Abrente 2020

18 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Co final da edición número trinta e seis da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia chegou a resolución do Premio Abrente de textos teatrais. Na liña dunha MIT excepcional, na que os aforos limitados e completos marcaron a intención da cultura na provincia. Espazos artísticos cheos de público ataviado con máscara e distancia social na que soamente se interpuxo o teatro como base para achegar ás persoas. Nese recoñecible marco de realidade no que se atopa agora mesmo o mundo enteiro, o texto do vigués Marcos Abalde Covelo acadou o Abrente 2020.

O xurado desta quinceava edición, composto polos actores Fina Calleja, Rosa Puga e Fernando González e presidido polo director da MIT, Roberto Pascual, recoñeceu a prosa e a reflexión de O tsunami, presentado baixo o pseudónimo de Núñez.

-Que se sinte ao recibir este galardón?

-A verdade é que é un premio moi importante dentro do teatro galego e estou moi contento de gañalo. As novas producións e os grandes profesionais actuais xurdiron ao redor do Abrente. Sinto moita emoción, para min é un prestixio, e aínda por riba se publica. Tristemente non hai unha partida para a súa representación pero polo menos se crea ese catálogo de novas voces no que fai referencia á dramaturxia galega. Hai que ter en conta que é un recoñecemento que teñen persoas como Vanesa Sotelo, Avelina Pérez ou Roi Vidal, dramaturgos vivos dos máis relevantes que deu esta terra.

-Non era a primeira vez que se presentaba...

-Presenteime en moitas ocasións pero perdendo claro. A verdade é que me gusta máis gañalo -bromea-. É unha alegría moi grande.

-Preséntenos «O tsunami».

-A min impactoume moito visitar As Pontes. Alí hai unha lagoa artificial enorme que foi inaugurada por Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta, e polo presidente de Endesa. Paréceme que é converter unha anécdota dunha destrución xigante, porque iso era unha mina a ceo aberto e literalmente se fixeron desaparecer varias parroquias. Non entendo como se poden por en valor uns residuos mineiros, que teñen incluso riscos xeolóxicos, cunha praia saída da nada... É algo que me pareceu delirante dende que o vin así que empecei en torno a ese delirio, ao mundo de psicópatas no que vivimos. O protagonista é un veciño máis das Pontes, que nese mundo de tolos acaba converténdose no alcalde. É unha especie de ascenso do fascismo, unha comedia bastante perversa e chunga. Normalmente non escribo comedias pero esta asiume así, está cargada de comicidade e de sátira. É como pornografía social, como unha selección do peor da sociedade. Penso que estamos nun momento no que tendemos a escoller o peor.

-Diría que o texto está ligado a actualidade?

-Penso que vivimos nun momento de apocalipse, máis ben no que pasou despois dela, que estamos como en shock. A obra ten un punto no que tamén hai ese desastre dentro da sociedade que, simbolizada nas Pontes, é moi industrial e de repente para e non hai máis futuro por ese camiño. Que queda despois da apocalipse? Pois emerxen unhas tendencias moi preocupantes que as estamos a vivir agora mesmo tamén na realidade.