«Carlos Casares escribiu sobre a vida e os seus artigos cobran sentido tamén na actualidade»

María Doallo Freire
maría doallo OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Xabier Casares, cunha das obras de Carlos Casares
Xabier Casares, cunha das obras de Carlos Casares Agostiño Iglesias

Consegue con La Voz un libro que recolle máis de cincuenta artigos de Casares

13 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Casares escribiu para La Voz de Galicia durante máis de dez anos. A súa columna de opinión diaria, Á marxe foi para el unha forma de canalizar o día a día, de darlle sentido e de atopar nel, no cotiá un debate. «Encantáballe escribir do ía vendo dende un can ao que se cruzaba ata una crise mundial, todo tiña cabida nas súas marxes», explica Xabier, irmán do escritor. Cando me refiro a Casares coma pensador, a Xabier algo lle renxe: «Creo que era máis conversador e comunicador ca pensador, el contaba todo o que se lle pasaba pola cabeza e ía crecendo e aprendendo de compartilo cos demais». Precisamente esa simbiose co lector era o que máis lle atraía das columnas de opinión. «Había persoas que lle escribían para ampliar algunha das ideas que desenvolvía nun artigo, que querían transmitirlle que estaban de acordo co que dicía ou simplemente facelo partícipe de que a eles lles pasara o mesmo nunha ocasión concreta. Escribía sobre a vida e por iso os seus artigos cobran sentido tamén na actualidade, seca o momento que sexa», recorda Xavier, presidente do Liceo de Ourense.

As palabras de Carlos Casares chegaban directas ao lector, eran áxiles, amigables e moi fáciles de ler, tanto que centenares de persoas as desfrutaban cada día na Voz. «O escritor Víctor Freixanes as chamou ‘columnas de café’ porque dicía que ese era o tempo que levaba lelas», afirma. Uns poucos minutos para saborealas e varias momentos para que volvese á cabeza o tema do que trataban. «Carlos tiña un grandísimo sentido do humor, era moi bo e moi galego, e todo está reflectido nas súas opinións», continúa Xabier. Ese amor por Galicia, pola súa lingua e a súa cultura, tamén se observan nas columnas. Case sesenta delas reunidas agora nun libro, Carlos Casares en La Voz de Galicia, que poderá conseguirse con este periódico. Para facelo, os lectores ourensáns terán que mercar La Voz do domingo, onde virá a cartilla da promoción na que pegarán cinco cupóns, cada día aparecerá un deles na portada, entre o luns e o sábado, cando sairá o cupón comodín. Unha vez completada a cartilla deberá entregarse no quiosco seguindo as instrucións que aparecen no seu dorso. O libro ten un prezo a maiores de 1,95 euros.