«Desde xuño do 2019 tiñamos a ameaza dunha moción»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE

OURENSE

Esteban Suárez (BNG)
Esteban Suárez (BNG) Santi M. Amil

«Débese ás ansias de poder do PP e ás ansias de cartos dos tránsfugas do PSOE»

12 ago 2020 . Actualizado a las 13:07 h.

Arroupado por cargos destacados do BNG, Esteban Suárez deixou onte a alcaldía de Castrelo de Miño logo de pouco máis dun ano no cargo. No pleno foi moi crítico co Partido Popular, pero tamén co PSOE. E pon o ollo xa no ano 2023, cando se celebrarán as próximas eleccións municipais. O Bloque é «a única alternativa ao PP que non se vende», di.

-¿Esperaba algún cambio de última hora?

-Non, isto era o esperado. O que se viu non é unha sorpresa. É un tema que vén de lonxe aínda que o resto das forzas políticas, PP e PSOE, dixeran que non había nada sobre a mesa, que non se estaba falando de ningunha moción de censura. Xa digo, vén de lonxe, desde xuño do 2019 temos a ameaza dunha moción de censura que hoxe fíxose realidade. Isto débese as ansias de poder do Partido Popular e ás ansias de cartos por parte dos concelleiros tránsfugas do PSOE.

-Dixo que estará atento a posibles favores.

-Evidentemente, a nosa labor agora é facer oposición e estaremos atentos ao que faga ou deixe de facer este goberno, que é ilexítimo pero ao fin e ao cabo é goberno.

-Que lle parecería que algún dos tránsfugas cobre dedicación?

-Eu sempre estiven a favor de que os políticos cobraran e teñan un soldo digno, como igualmente teñen os deputados do Parlamento galego ou do Congreso en Madrid. Evidentemente, os que están exercendo unha función pública de alcaldes, deben ter un soldo digno se eles o estiman oportuno. Se algún cargo público prefire ter un soldo máis pequeno ou renunciar, está no seu dereito.

-Arrepíntese de non ter insistido nas negociacións dun pacto co PSOE ao inicio do mandato?

-Pois, a verdade é que visto o que pasou, non me arrepinto. É máis, alédome de non ter pactado co PSOE. E non polo PSOE en si; respecto ao máximo ao PSOE e aos seus militantes e votantes. Pero, evidentemente, facer un pacto de goberno con dous tránsfugas... Agora mesmo quen ten un problema é o PSOE e, doutra maneira, quen tería o problema seríamos nós porque estarían dentro do noso goberno. Co cal, o BNG non goberna a calquera prezo e o BNG non se vende a ninguén.