Dous concelleiros do PSOE deixan o partido en Viana do Bolo e o BNG ve a man do PP detrás

La Voz

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Os nacionalistas cren que os populares queren poñer de novo de alcalde a Andrés Montesinos

25 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo do caso de Castrelo de Miño o esquema semella ter unha nova escenificación no municipio de Viana do Bolo. Dous dos concelleiros do PSOE -partido que conta con tres representantes- presentaron escritos para dar conta da súa intención de abandonar a disciplina socialista para pasar ao grupo de non adscritos. Como no caso de Castrelo de Miño en Viana do Bolo non hai unha maioría de goberno absoluta: BNG e PP contan con 4 concelleiros e o PSOE ten 3 actas na corporación municipal. Os socialistas Abelardo Carballo e Santiago Barja son os que veñen de pedir a súa baixa como concelleiros do PSOE. O nacionalista Secundino Fernández Fernández é o alcalde de Viana do Bolo.

Regreso de Montesinos

Dende o BNG alertan dunha operación para promover unha moción de censura, apoiada polos dous concelleiros díscolos, para recuperar a alcaldía para o PP e colocar na mesma de novo a Andrés Montesinos. Os nacionalistas demandan ao PSOE que reclame a acta aos dous concelleiros que veñen de abandonar a disciplina do partido e que tome medidas para impedir unha moción de censura.

Para o BNG en Viana do Bolo está xa en marcha unha operación para rematar co decidido polos veciños «que o 26 de maio do 2019 optaron por un goberno alternativo ao PP» e lembran que os cidadáns do municipio votaron no 2015 para que Montesinos deixase de ser alcalde e no 2019 volveu perder votos.