A Xeración Nós, protagonista na entrega dos premios da Festa da palabra da Insua dos Poetas

La Voz

OURENSE

Os traballadores da residencia dos Milagros, en Baños de Molgas, por a loita en primeira liña contra a pandemia do covid-19, fueron uns dos premiados

19 jul 2020 . Actualizado a las 23:06 h.

Nin a intensa calor, nin as máscaras sanitarias impediron que o a lingua galega fose este domingo o protagonista dunha nova edición da Festa da Palabra que acolle a Insua dos poetas do Carballiño. Nun enclave privilexiado, a Xeración Nós, da que se celebra o seu centenario, serviu de fío condutor fun acto que comezou coa presentación do libro Camiño de Nós, de Aira Editora, que recolle as crónicas publicadas por Xavier Pardo Badía en 1926 en A Nosa Terra, onde se conta a peregrinación a pé dende Ourense a Santiago feita por Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino L. Cuevillas, Afonso V. Monxardín e Antón Sánchez pasando, segundo o promotor da iniciativa, Luís González Tosar, polas terras da Insua dos Poetas.

Neste marco, entregáronse os premios anuais da Festa da Palabra que, nesta ocasión, recolleron a investigadora, ensaística e docente Pilar García Negro; o Cine Club Carballiño, fundado en 1969 e aínda activo; a asociación Alas da Coruña, que loita pola liberdade afectiva e sexual; a cantautora Sés; Regina Jallas, quen en Río de Janeiro desenvolve un labor de coidado e atención a anciáns galegos; o comunicador Xosé Manuel Piñeiro; e ós traballadores da residencia dos Milagros, en Baños de Molgas, por a loita en primeira liña contra a pandemia do covid-19.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destacou a importancia da Xeración Nós na construción do legado cultural de Galicia e celebrou iniciativas como a levada a cabo na Ínsua dos Poetas que, dixo, «contribúen a poñer en valor a súa relevancia e a non esquecer de onde vimos para marcar o noso rumbo de cara ao futuro. Cómpre recoñecer e actualizar o legado da Xeración Nós porque foi un grupo de intelectuais clave no desenvolvemento de Galicia e no ensanchamento das nosas fronteiras culturais». Avanzou que estase a traballar nun amplo abano de actividades que conmemoren o centenario da Xeración Nós dun xeito «amplo e inclusivo».