Jácome desvirga coches

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

18 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Imposible cruzarse coa figura do alcalde de Ourense e non sentirse protagonista, para ben ou para mal. Tamén para escarnio duns e vergoña doutros. Jácome necesita ser o centro, ter a última palabra -xa cando estaba na oposición tiña que facer as dez últimas logo das quendas de intervención e mesmo cando xa se votara-, ser o actor principal. Asasino ou rei tanto ten, con tal de ser o protagonista senlleiro.

O Concello levou o pleno mensual á Deputación e o escenario era máis que acaído para unha nova interpretación, sobreactuación no seu caso. O alcalde da cidade deixou claro que a súa aspiración é local, Baltar pode durmir tranquilo, e non aforrou cualificativos para a oposición. Na tradicional liorta viaxaron dunha bancada á outra as palabras grosas e o alcalde rematou por deixar de novo apuntes do seu especial universo.

Aconteceu cando se debatía o futuro do transporte urbano na cidade e a moción do BNG pedindo que se botase man do asunto. Gonzalo Pérez Jácome comezou a expor a súa teoría de por que apostaba polo renting, en lugar de mercar os autobuses, e puxo como exemplo o seu caso. O alcalde nunca quixo saber de tal cousa ata que se convenceu e nesa modalidade mercou o seu actual coche: Non tivo que dar entrada, paga 250 euros ao mes e á firma de renting sáelle a conta porque logo de dous anos o coche segue estando en bo estado e como novo para unha posible venda. «El coche cuando pierde valor es cuando lo compras y lo desvirgas, a partir de ahí ya empieza a perder su valor».