A Festa da Palabra rendirá homenaxe á revista «Nós»

Xiana Fole Garza OURENSE

OURENSE

Jose Manuel Baltar y Luis Gonzalez Tosar, durante la presentación de la Festa da Palabra
Jose Manuel Baltar y Luis Gonzalez Tosar, durante la presentación de la Festa da Palabra Palma Roca

O evento cultural do Carballiño mesturará literatura e música coa presentación do libro «Camiño de Nós»

14 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Este domingo celebrarase na Esgueva, O Carballiño, a duodécima edición da Festa da Palabra, desta vez dedicada ó centenario da revista «Nós». O evento, presentado este luns por José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, e Luís González Tosar, presidente da Fundación Insua dos Poetas, será a primeira actividade cultural organizada pola Deputación despois do confinamento.

O acto da Insua dos Poetas comezará ás doce da mañá cunha homenaxe á Xeración Nós, xerme galeguista literario e político, e á súa revista, que foi bautizada co mesmo nome nunha primavera de 1920, para se converter nun espazo de expresión do pensamento nacionalista e da promoción lingüística. Será tamén a ocasión de presentar o libro «Camiño de Nós»: unha crónica de viaxe publicada para A Nosa Terra no ano 1926, en forma de sete capítulos. Nela relátase a peregrinaxe dende Ourense a Santiago de Compostela que levaron a cabo Otero Pedrayo, Vicente Risco e Lois Feixóo, xunto con Florentino Cuevillas, Antón Sánchez e Vázquez Monxardin; ademais do propio cronista, o escritor compostelán Xabier Pardo. «Esta crónica vai narrando minuciosamente, con moito agarimo, tódalas peripecias da viaxe, reunidas por primeira vez nun libro, que irá ilustrado con fotos actuais do itinerario», conta González Tosar. 

Xunto coa presentación desta obra terán lugar a habitual entrega de premios e varias actuacións musicais: Son Trío, ás doce da mañá, e Airiños de Caldelas acompañando á romaxe literaria das dúas; mentres que o peche ás seis da tarde será ó son de Tor, grupo de folk que trae consigo novo disco. Esta edición tamén dará pé á estrea dun auditorio na Insua, o Auditorio Nós. Segundo sinala o presidente da Deputación, tódalas homenaxes a persoeiros que fixeron patria son benvidas, e en concreto a esta xeración, berce do pensamento político galeguista. Así mesmo, o domingo poderase coñecer a vindeira persoa ou obra homenaxeada na Festa da Palabra de 2021.