Marina Ortega: «A inacción foi a política de Feijoo para a provincia de Ourense»

A aposta pola sanidade pública e a reindustrialización serán clave logo do 12X


ourense / la voz

Acredita Marina Ortega (O Carballiño, 1983) no bo momento polo que están a atravesar os socialistas e que os ourensáns seguirán apoiando á alternativa que lidera Gonzalo Caballero, a nivel galego e ela como cabeza de lista da provincia. Ve un escenario no que Feijoo «estivo escondido» na crise da mortalidade provocada polo coronavirus nas residencias de maiores e considera esgotado o modelo dun partido que leva gobernando en Galicia 33 dos 39 anos da autonomía.

-Confía en mellorar os resultados de hai catro anos?

-Nas eleccións do pasado ano, hai só uns meses, os votos deron unha maioría social ao PSOE en Galicia. Se hai unha mobilización semellante do electorado o cambio é posible. No día a día ves que a xente desexa unha alternativa e estou convencida de que así será.

-Está a percorrer a provincia na campaña. Cal é a valoración?

-O mellor termómetro das políticas que se levaron a cabo nos últimos anos por parte do PP, na Xunta e na Deputación, é toda a xeración perdida que se tivo que marchar porque aquí non tiveron unha oportunidade. As xeracións mellor formadas da historia de Galicia tiveron que facer as maletas e emigrar. E os nos tan novos, só hai que mirar o abandono no que está esta provincia logo de 33 anos de gobernos do PP. No caso de Feijoo a súa inacción foi a política que tivo para Ourense.

-Esa é a realidade que atopa?

-O comercio vai a peor, na industria perdeuse o 11 % do emprego durante os anos de goberno de Feijoo e todo vai polo mesmo camiño. Os electores só teñen que preguntarse que política de calado fixo na Xunta que repercutise en Galicia, e en Ourense, e mirar se son capaces de atopar algunha en todos estes anos.

-Nos debates incide de maneira especial na xestión da pandemia.

-Por ser un exemplo claro da política que fai o PP en Galicia. Cando estabamos co confinamento Feijoo negouse a dar os datos dos contaxios por concellos, e agora que hai rebrotes deriva a responsabilidade nos alcaldes e alcaldesas dos municipios afectados. É unha irresponsabilidade e unha covardía fuxir das súas competencias. Quen venceu ao covid-19 foron os sanitarios, eses que lle rexeitaron o vale dos 250 euros e piden contratos dignos, e o personal esencial do estado de alarma.

-Que prioridades se marca?

-Apostaremos pola sanidade pública. Reforzarémola con 5.000 novos postos de traballo en toda Galicia e blindaremos os nosos hospitais -Verín non se pecha! O Barco non se pecha!-. Promoveremos unha política social acorde coas necesidades e reprantexaremos a asistencia aos maiores: crearemos 2.000 plazas públicas nas residencias. A maiores, e no caso da nosa provincia, hai que impulsar o comercio local, promover a reindustrialización, aproveitar o termalismo e o agro, incentivar a dinamización e o emprego no rural e pór en valor o noso potencial no sector forestal, entre outras moitas iniciativas. Queremos políticas transversais que saquen a Ourense do actual abandono e temos actuacións para cada comarca.

-Os autónomos son o argumento político destas autonómicas?

-O PP ten un sentimento de culpa porque Galicia foi a única comunidade do Estado que non apostou por dar axudas directas aos autónomos. Por iso agora queren dar outra imaxe.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Marina Ortega: «A inacción foi a política de Feijoo para a provincia de Ourense»