Ana Pontón anima a Ourense a non resignarse e a liderar o cambio

La Voz

OURENSE

Agostiño Iglesias

A candidata do BNG calificou a Feijoo de «irresponsable» pola actuación no rebrote do covid-19

09 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, animou aos ourensáns a non resignarse e a escribir a historia do cambio «cunha muller liderando un Goberno do BNG capaz de abrir un tempo novo en Ourense». Pontón participou nun mitin na cidade no que compartiu o acto da Praza Maior  coa cabeza de lista pola provincia, Noa Presas, e co resto dos candidatos nacionalistas. Na súa intervención, a candidata á presidencia da Xunta incidiu en que de cara ao 12 de xuño «só hai dúas alternativas: ou o inmobilismo decadente que representa o candidato do PP, ou o cambio galego que representa o BNG da man dun proxecto de país, autocentrado, con ideas e propostas para construír unha nova Galiza na que Ourense teña futuro». Pontón chamou ao electorado ourensán a facer historia para que, por vez primeira «Galiza teña unha presidenta liderando un goberno coas mans libres capaz de abrir un tempo novo en Ourense» e asegurou que dende as filas nacionalistas o compromiso pasa por non permitir «que nos sigan roubando o futuro, porque está provincia non ten que resignarse á emigración ou á precariedade, non ten porque resignarse a ver o seu rural abandonado, a poboación envellecida mentres a xente moza marcha, non ten que resignarse ao deterioro dos servizos públicos. Podemos reescribir este guión co BNG e prender o motor de Ourense, prender o motor do país», proclamou Ana Pontón.

A candidata nacionalista á presidencia da Xunta tivo palabras de lembranza para as vítimas do coronavirus, cunha mención especial para o drama vivido nas residencias de maiores e as «situacións durísimas vividas en algúns centros desta provincia». Pontón calificou de irresponsable a Feijoo por «tentar reducir a importancia dun rebrote que acaba de recoller 23 novos casos de contaxio nun só día, e pon os pelos de punta ver como se lava as mans e como non ten reparo en poñer a miles de galegos e galegas ante o dilema de ter que elixir entre preservar a saúde ou exercer o dereito ao voto. Galiza non se merece un irresponsable que pon os seus intereses por riba da saúde das persoas. Por contra, precisa unha presidenta que dea a cara e que diga a verdade e ese é o meu compromiso», sinalou Ana Pontón.