Ourense: David Bruzos: «Hai que reverter a situación de desmantelamento da provincia»
O cabeza de lista de Galicia en Común sinala o traballo da ministra Yolanda Díaz como exemplo do que se pode facer en Galicia
ourense / la voz
Volve David Bruzos (Ourense, 1979) a percorrer a provincia como cabeza de cartel de Galicia en Común-Anova Mareas. O docente mantén os seus sinais de identidade: lúcido, positivo e comprometido cunha realidade que considera que se fai necesario e urxente mudar para que a provincia avance e reduza as súas diferenzas co resto da comunidade.
-Incide no relevo político.
-Todo o mundo viu a Feijoo con moito nerviosismo no debate dos candidatos e sobrepasado. Os plans que tiña para convocar as eleccións agora non lle están saíndo, e cre que pode perder a Xunta. Estamos moi ilusionados, porque temos unha proposta para o país que se necesita, e vemos a oportunidade.
-Foi aos Peares a «facer un Feijoo»?
-Fomos Fernán Vello -candidato de Galicia en Común por Lugo- e mais eu. Era un acto simbólico para deixar en evidencia a Feijoo, que vai alí a vender a mensaxe de que é un rapaz de aldea, do rural, e arrancou a campaña na vila. No fondo non fixo outra cousa que ter un acto máis de propaganda, dese compromiso co rural que logo é falso, como demostran as medidas que adopta na Xunta. Só hai que ver o abandonado que está Os Peares.
-Cales son as medidas prioritarias para a provincia?
-Acabamos de vivir unha situación de pandemia, e iso modificouno todo. Agora o urxente é que a persoas teñan uns ingresos mínimos para vivir e axudar aos autónomos e pemes para activar a economía. A medio prazo, nunha lexislatura, hai que reverter a situación de desmantelamento do rural desta provincia. Con accións no emprego, servizos públicos, infraestruturas -de todo tipo- e de lecer. Temos moitas medidas en todos estes ámbitos. En 30 anos a provincia perdeu máis de 120.000 habitantes, e a Xunta non fixo nada para atallar esta situación. Daquela, faise urxente actuar.
-Hai capacidade de manobra?
-Si. E nós así o demostramos, non hai máis que ver o exemplo do que está a pasar no Goberno e o traballo que está a desenvolver a nosa compañeira Yolanda Díaz como ministra de Traballo.
-Onde habería que incidir logo do 12X?
-En moitas frontes de traballo. Por facer un mapiña rápido, no que chamamos a economía dos coidados, é dicir, en protexer e coidar -para incentivar e dinamizar- a nosa industria, os produtores do rural, os servizos sociais e a atención aos nosos maiores, o forestal, o emprego e a universidade, entre outros aspectos.
Comentarios