Ana Pontón promete a creación de sete residencias públicas en Galicia

La Voz

OURENSE

xmr

A candidata do BNG á presidencia da Xunta denunciou que non se crearon prazas públicas para maiores en 11 anos

02 jul 2020 . Actualizado a las 12:59 h.

A candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galicia mantivo unha xuntanza en Ourense cos voceiros da Federación Galega de Asociacións de Usuarias e Familiares de Residencias (REDE). Ana Pontón denunciou a situación vivida nas residencias de maiores galegas durante a pandemia do covid-19 e centrou a responsabilidade na xestión do Goberno de Alberto Núñez Feijoo. Incidiu ademais no feito de que en once anos de xestión de Feijoo en Galicia «non se creou unha soa praza pública para os maiores» e só se fomentou a privatización, convertendo «nun negocio privado a atención ás persoas maiores». 

Pontón lembrou que hai iniciativas pendentes de resolver para aclarar a responsabilidade do acontecido nas residencias de maiores durante a pandemia -entre outros participaron no encontro representantes das familias de internos da residencia San Carlos de Celanova, unha das máis afectadas polo coronavirus- e anunciou a creación de sete residencias públicas para maiores «que estarán nas setes grandes cidades de Galiza, unha por cada cidade» se goberna o BNG na Xunta a partires do 12 de xullo.