Poesía, produtos da terra e Otero Pedrayo

En Trasalba entregáronse os premios do concurso literario convocado pola fundación


Trasalba recupera o latexo logo destes meses de pandemia, medidas de seguridade e afastamento para tentar volver á normalidade. A Fundación Otero Pedrayo matinou na maneira de darlle continuidade aos proxectos que viñan desenvolvendo e, xa postos, na forma de crear novas propostas para os tempos de confinamento. Con ese obxectivo, e con aspectos como a capacidade do patriarca das letras para gozar da vida -sobre todo da gastronomía e dos produtos da terra- e as celebracións deste 2020 -centenario da revista Nós e o Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carvalho Calero-, dende a Fundación Otero Pedrayo crearon o concurso de poesía Xamón, Pan e Viño, unha iniciativa centrada en «exaltar o goce dos produtos naturais da nosa terra». Coren, Viña Costeira e a IXP Pan de Cea acolleron a proposta da Fundación e patrocinaron a convocatoria, e na Casa Grande de Cimadevila quíxose recuperar «a que se chama nova normalidade con este primeiro acto, centrado na entrega de premios, na que os patrocinadores nos axudaron a espallar a figura de don Ramón e estes elementos -xamón, pan e viño- que tanta presenza teñen na súa obra», segundo sinalou o presidente da Fundación, Juan Saco.

No acto, o secretario da Fundación, Afonso Vázquez-Monxardín, incidiu no feito de que outra pandemia, «a da gripe de 1918, fixo que se reinventasen e baixasen da nube dos diletantes os que logo formaron a xeración Nós», e sinalou que o concurso serviu para incidir tamén na «vella relación de amizade entre Otero Pedrayo e Carvalho Calero» -de feito, a convocatoria fíxose reproducindo no cartel a escultura do homenaxeado das Letras Galegas que hai en Compostela-. Á convocatoria de poesía Xamón, pan e viño concorreron orixinais de toda Galicia, e o primero premio foi para a moañesa Lucía Durán Paredes, pola obra Conxurándonos. Para crear o seu poema «fun un pouco irreverente, e no mesmo texto quixen facer unha homenaxe, máis que merecida, ao grupo Nós polo seu centenario, e tamén a Ricardo Carvalho Calero, que sempre estivo tan esquecido. De aí naceu o poema, a xeito de esconxuro da queimada», sinalou Lucía Durán. Manuel Figueiras conseguiu o segundo premios por Tres sonetos, que o de Cambeo (Coles) ideou «en principio como un para cada un dos produtos, aínda que logo non foi así e os mesmos aparecen recollidos ao longo dos sonetos». Miguel Anxo Alonso Diz foi galardoado co terceiro premio polo traballo titulado Feitos de sal e terra. O xurado acordou conceder dous accésits. Na entrega dos premios -o concurso estaba dotado con 1.200, 700 e 300 euros- participaron Mónica Dorrío, do grupo Coren; Roberto Campelo, da adega Viña Costeira; e o alcalde de Cea, José Luis Valladares Fernández, en representación da IXP Pan de Cea. Mónica Dorrío deu os parabéns aos organizadores e premiados, sinalando como un acerto «xuntar literatura e gastronomía, dúas das cousas, entre outras moitas, das que Galicia pode presumir». Campelo agradeceu que se contase con Viña Costeira para a convocatoria.

 

 

 

 

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Poesía, produtos da terra e Otero Pedrayo