Raigame edita un volume sobre os contidos da revista Nós

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Alberte Paz Garza

Xosé Carlos Sierra e Delfín Caseiro coordinaron a publicación

23 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A revista do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo sempre acode ao encontro editorial coas celebracións e as efemérides que marcan a actividade cultural de Galicia. Liña que mestura co seu reencontro periódico cos lectores con entregas dedicadas a temas que se corresponden cos principios que figuran na súa cabeceira: revista de arte, cultura e tradicións populares.

Nun ano como o 2020 e coa celebración do centenario da publicación do primeiro número de Nós, Raigame non podía deixar de aportar a súa visión sobre a celebración. O volume monográfico sobre a publicación foi presentado polo presidente da Deputación e o director da revista, Xulio Fernández Senra.

 O responsable de Raigame sinalou que o obxectivo co que se elaborou o número corenta e catro foi fuxir de incidir nos persoeiros vencellados á coñecida como Xeración Nós por ser figuras que manteñen a súa vixencia e «son de sobra coñecidos», apostando daquela por centrar a ollada nos contidos que foi acollendo a revista ao longo da súa vida. Xosé Carlos Sierra e Delfín Caseiro foron os encargados de coordinar a publicación. Ao longo das nove colaboracións que aparecen na revista analízanse aspectos como os traballos sobre a prehistoria galega -achega de Francisco Fariña Busto- ou o «equilibrio estético» na publicación, traballo da crítica e comisaria de arte Mercedes Rozas. Xosé Carlos Sierra asina o artigo Nós e o desenvolvemento da etnografía e o folclore en Galicia. Notas e apuntamentos e Delfín Caseiro o artigo Preocupacións lingüísticas na revista Nós. O presidente da Fundación Risco, Luís Martínez-Risco Daviña céntrase na análise de Ourense como referente inexcusable da revista e Pérez Lema sobre a presenza dos temas económicos e xurídicos. Encarna Otero analiza a presenza da muller e Camiño Noia a narrativa oral en Nós.