Noa Presas propón unha Lei do viño «que sexa ambiciosa»

La Voz

OURENSE

BNG

A candidata do BNG mantivo un encontro cos viticultores da Ribeira Sacra

07 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As cabezas de lista do BNG polas provincias de Ourense e Lugo, Noa Presas e Olalla Rodil respectivamente, mantiveron un encontro virtual con viticultores da Ribeira Sacra para coñecer a súas demandas. Presas e Rodil aproveitaron a videoconferencia para propoñer a creación dunha «Lei Galega do Viño acorde ao desenvolvemento dunha política rural que aposte polo sector do viño como un eixo estratéxico e que aborde os problemas que arrastra». Adegueiros e viticultores da zona da Ribeira Sacra sinalaron que aspectos como a baixada de demanda polo peche da hostalería polo estado de alarma ou a aplicación das políticas arancelarias, que encabezan os Estados Unidos, son aspectos negativos que se foron sumando ás dificultades ás que se debe facer fronte nunha denominación de orixe como a que se extende polas provincias de Lugo e Ourense. Aspectos como a ampliación da superficie de cultivo, aproveitamento das potencialidades e recursos que pode traer consigo a declaración da zona como Patrimonio da Humanidade, os dereitos de plantación ou o relevo xeracional, entre outros asuntos, foron aspectos tratados no encontro. Segundo Noa Presas «é hora de impulsar unha nova Lei Galega do Viño. Unha Lei que sexa ambiciosa e recolla medidas para a incorporación de novos produtores e produtoras e rematar cos problemas históricos que ten o abandono dos viñedos tradicionais».