Casa 58


Un dos xogos de taboleiro polo que todos pasamos é o xogo da oca, de estratexia sinxela e de retrousos por todos coñecidos. «De oca en oca…» serve tamén para leccións vitais aos cativos, a primeira pode ser esperar a túa quenda, outra contar, e tamén a sorte dos dados. A casa 58, chegando case a meta, manda ao xogador ao comezo da partida. Estamos nese punto do xogo que a un tris, caemos na 59, e xa «de fase a fase, e fin, e gañei», pero tamén podemos tornar ao comezo.

A incerteza é tan grande que xa nin dados, nin pontes, nin ocas, nos van a dar a seguridade de gañar. Porque a vitoria neste caso é un fito colectivo, non é un fito individual. Uns na pousada, outros no pozo, algúns na cadea, pero se uns cantos caen na casa 58, volvemos todos para atrás, e teremos que acompañalos para ir cara a número 63.

Neste escenario inseguro o país está chamado ás urnas. A posición dos xogadores non anticipa un cambio no dono do taboleiro, pero estamos coa partida recén comezada e todos poden xogar as súas sortes.

Os 14 escanos que van representar a Ourense teñen moi claro cales son as necesidades urxentes da provincia. A casa 14 ten unha oca; sabemos que si entre os 14 queren, saltamos á seguinte. Para ao meu entender, e para a nosa desgraza, chegarán con ese ánimo de facer medrar a provincia dous, ou como moito tres, o resto quedará baixo as siglas das organizacións. Un acordo coa inversión pública industrial en sectores de valor engadido é necesario, sabemos que ao medrar as cicatrices van minguando. Nas propostas de foros económicos que falan de relanzar o sector agroindustrial da provincia, teñen que engadir a dixitalización das factorías, e así sumar valor a cada chanzo que damos. Cómpre ir ás industrias e ver a tecnoloxía instalada, un exemplo, unha envasadora, unha avaría, e o reposto terá que vir de Italia. O sector do viño cunha facturación de 100 millóns anuais non ten control dos escandallos. A reflexión: o valor engadido que aportamos é o sol que madura o froito e a suor das operarias cos salarios máis baixos do estado.

Precisamos da casa 14 para poder enfiar estratexias complexas que nos leven a ser unha provincia dona do seu e cun futuro mais aló da casa 58.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Casa 58