«Foi moi duro todo este tempo e o reencontro emocionante»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

xmr

Loli Sobrino participou na primeira quenda de visitas organizadas aos residentes do Asilo do Carballiño

30 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os irmáns Prieto doaron aos carballiñeses o seu legado para atender á «ancianidade desvalida» e, máis dun século despois, o coñecido Asilo do Carballiño segue a ser un dos espazos de referencia na atención á terceira idade. Un cento de residentes forman a comunidade, ao cargo de relixiosas, onde covid-19 non chegou a facer niño e os dous casos detectados foron atendidos no centro sanitario de Ourense.

Dende o Asilo do Carballiño comunicouse o xoves que xa se podían retomar as visitas a familiares e que para facelo era preciso reservar cita nas dúas quendas que se fixaron: de 10.00 a 12.00 e de 16.30 a 18.30 horas.

Loli Sobrino foi das primeiras persoas en entrar, tiña vez para as 10.30 horas, e recoñecía que viña de experimentar unha morea de sensacións. «Hai un ano que está aquí miña nai e pasar tanto tempo sen vela fíxose moi duro e xa estabamos desexando reencontrarnos. A sensación que tes é moi difícil de expresar con palabras: estaba moi emocionada, ela tamén, e aínda que pode ser algo fría a cousa -dígoo por todo isto de que non se pode ter moito contacto- todo foi perfecto e marabilloso. Foi moi duro todo este tempo e o reencontro emocionante, moi emocionante».

Loli Sobrino agardará á súa nova quenda e ao momento no que todo isto pase a ser historia. «En principio vai ser unha visita semanal e unha soa persoa. Máis adiante xa poderán ser dúas as que poidan acceder ao edificio e continuará así a cousa ata que se normalice a situación».