Tres incógnitas sobre o futuro das librarías


O libro foi un dos protagonistas do período de confinamento no que estamos vivindo desde mediados do mes de marzo. Ante as restricións aos movementos moitas persoas decidiron integrar a lectura entre a súa rutina, dun xeito máis sosegado do que lle permitía a vida anterior. Igual que moitas persoas atoparon tempo para faceren pan caseiro ou poñérense en forma na sala de estar, apreciaron a promesa de viaxe interior dos libros. Incluso houbo campañas públicas que pedían a reapertura das librarías como «servizos esenciais» ou a compra anticipada para garantir a continuidade dos establecementos de venda de libros. Tamén houbo iniciativas editoriais para compartir, gratuitamente, contidos cos que levar mellor a pandemia. Descontos especiais, bonos para gastar en cultura… en xeral unha concienciación colectiva para poñer o libro no centro da vida durante e despois do confinamento. Agora, coa normalidade máis perto, as librarías, entrementres van abrindo, pouco e pouco, deben enfrontarse a tres incógnitas sobre a súa viabilidade e a súa función económica e social.

O escaparate da creatividade

Moito antes de que soubésemos do covid-19 a libraría como concepto comercial xa estaba vivindo unha profunda reconversión. Durante todo o século XXI houbo unha profunda remuda en vilas e cidades de librarías. Pecharon moitas e abriron outras, con modelos distintos. A crise do 2008 minguou as vendas e fenómenos como Amazon mudaron hábitos de lectura e de compra. A nova situación vai obrigar a asentar os puntos fortes da venda de libros en libraría. Comprar libros ten unha dimensión de lecer que hai que comprender e fomentar. Comprar libros ten unha parte de evocación e imaxinación, de promesa de aventura e, sobre todo, de descuberta. As persoas que aman os libros e que os compran non se conforman simplemente con chegar e encher como quen vai a unha gasolineira. Gustan de coñecer, de curiosear, de dialogar coas libreiras, de asombrarse coa beleza dos obxectos.

As librarías deben investir na formación dos seus empregados para que saiban do que venden, para que manexen as redes sociais de difusión de novidades e recomendacións. É necesario que unha libraría irradie no seu contorno de influencia unha comunidade lectora, que poña en comunicación creadores e consumidores de letras, que propoña novas vías de enriquecemento literario máis alá das novidades dos grandes grupos. Ten que aproveitar o gran momento de bibliodiversidade para atopar cada lector para cada libro e viceversa.

David pode vencer a Goliat

Durante o confinamento global, unha das poucas empresas que aumentou o seu prezo na bolsa foi Amazon. A todopoderosa marca de venda por internet vai gañando cota de mercado en base a tres principios: témolo todo, témolo barato e podémoscho facer chegar para mañá. Mais no caso do libro, unha das premisas é falsa. Amazon non vende os libros máis baratos. O prezo do libro en España está regulado por lei, é fixo agás no caso dos libros de texto, e o desconto máximo que se pode realizar durante os dous primeiros anos de vida dun libro é do 5 %. O cliente que queira comprar un libro debe saber iso; tamén debe ser consciente de que Amazon non paga impostos en España nin xera apenas postos de traballo. Mais ao cliente as librarías deben darlle as maiores posibilidades de compra. Dispoñer de plataformas de venda por internet intuitivas e cómodas e crear sinerxías entre elas e os demais axentes da cadea do libro: distribuidoras, editoras, autoras… debe ser unha vía prioritaria para favorecer aqueles compradores que estarían encantados de teren unha alternativa a Amazon e demais supermercados automatizados.

A burbulla editorial

Hai poucos días, a editorial Errata Naturae (que na súa curta vida conseguiu éxitos de vendas relevantes como Tú no eres como otras madres, de Angelika Schrobsdorff ou a reedición das obras de Thoreau) anunciou que deixará de publicar indefinidamente novos títulos. Nun longo comunicado, este selo pon en cuestión o modelo de funcionamento do mercado de novidades. Nunha libraría como Aira das Letras até marzo entraban unha media de 50 títulos novos cada semana. Esa cantidade fai imposible que as libreiras saiban todos os detalles de cada libro, dificultade moito conseguir espazo para todos os libros que foron chegando nas semanas anteriores e obrigan a unha renovación constante dos andeis e do almacén. Moitos libros chegan e marchan da libraría sen que os seus potenciais clientes saiban deles. O éxito ou o fracaso dun título decídese en días, case en horas. A longo prazo, sería bo que a industria en xeral pensase na sustentabilidade económica e ecolóxica da superprodución de libros.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Tres incógnitas sobre o futuro das librarías