Use a máscara, sexa prudente

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

17 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Tem cuidado, no tradutor ao portugués da miña computadora aparece coma unha orde marcial dun xeneral framenco, ou dun príncipe idumeo ou dun arquimandrita sirio. As primeiras palabras van para os que sofren a crise na carne. Deberon ser moi poucas veces na historia nas que aos nosos mortos non lle puideramos dicir un adeus conforme ao vivido. A situación laboral pende dun cabelo; enfrontámonos a unha crise de demanda que non atina co punto da oferta. Vaiamos indo con prudencia a unha nova realidade. Nin que dicir ten, xa escasean os aplausos das oito. Mal lle pagamos a quen segue nos hospitais a bate-lo cobre con actitudes que rozan o suicidio colectivo.

Dende estes parágrafos tratamos de reforzar entre o título, o desenvolvemento e o final, un argumento breve para enfrontarse ao debate político. Neste, que coincide co 17 de maio «Tem cuidado» pódenos acompañar o trimestre enteiro. Trato de reforzar a palabra que o presidente do Estado di, «prudencia», e a do presidente da Comunidade, «sentidiño». Tanto a nivel local, ou inclusive provincial, non podemos extraer unha mensaxe de reforzo, pero si de confrontación. Aínda que o día das Letras Galegas se traslada a outubro, e dende a Xunta se propón manter un día senlleiro nas redes eléctricas, a Deputación de Ourense non ten nin un epígrafe no que darlle un clic; iso si: ten unha foto do presidente ergueito, maxestoso, nunha videoconferencia con axentes culturais. Por suposto, a crónica en castelán, e cunha mención á revista Nós pero sen fío ao que premer. No Concello encontraron a cultura nun chigre cheo de libros editados dos premios literarios que se convocan. Flor dun día; sempre é máis bonito ilos espallando e atopalos como por casualidade -«Bookcrossing» en inglés de City Manager-, e manter os tecidos culturais.

Tras todo-los feitos chegamos á chave: falan de planificar, de estratexias con acrónimos e de reunións sectoriais, pero chegado o día, o baleiro. Nin un blogue aberto da revista Nós por ningunha institución provincial. A contribución de Carvalho Calero na dita revista, sería un facsímile para agasallar a toda a cidadanía que así o quixer. Como sociedade aínda o podemos facer mellor, podemos apretar aos nosos mandatarios para que miren ao lonxe pero con firmes conviccións no traballo duro. Tocaron por desgraza estes preguiceiros, que enredan no curro, e non limpan o po da palla. Como os galos de Calero; feros peteiros e pouco máis. E seguindo «Sem os sonhos, sem as utopias, a realidade tende a fossilizar-se em formas esgotadas». Máis agora sexa prudente.