As Letras Galegas deféndense do covid-19

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

O Concello de Ourense regalará libros e Raigame celebrará una romaría virtual dende a casa

16 may 2020 . Actualizado a las 21:36 h.

Será un Día das Letras Galegas como nunca tal aconteceu dende que en 1963 se comezase a celebrar, coa correspondente homenaxe a Rosalía de Castro. Por vez primeira, dende entón, o 17 de Maio non será a festa da cultura galega e haberá que agardar ata o 31 de outubro para honrar a Ricardo Carvalho Calero -para esa data adiou a Real Academia Galega o seu plenario e os actos centrais deste 2020-. Non será de xeito presencial, mais si hai proposta e iniciativas para desenvolver a celebración na fin de semana, de xeito especial o propio día 17. Entre outras propostas xa se deron a coñecer as seguintes.

Ourense

Agasallo de 2.700 libros. O Concello celebrará as Letras Galegas agasallando aos cidadáns con libros. Repartiranse 2.700 exemplares correspondentes aos editados ao longo destes anos na súa condición de obras gañadoras dos premios Risco de Creación Literaria e do Poesía Cidade de Ourense. O posto onde se poderán recoller os volumes, un por persoa, estará instalado á beira do Centro Valente, en horario de 11.00 a 14.00 horas. Dende O Concello sinalan que «o acto contará coas medidas de seguridade que se establecen na situación de alarma». 

Por outra parte, a asociación xuvenil Amencer propón aos mozos celebrar a xornada con tres propostas, a elaboración de vídeos para difundir en redes sociais, a elección dunha palabra favorita para elaborar un vídeo conxunto, e a publicación -de novo na Internet- de «expresións do noso, propio da nosa lingua, para recuperar ee xeito particular e diferenciado que temos como idioma galego», explica el colectivo.

Galardóns

Premios literarios escolares. A Concellería de Educación da cidade escolleu os textos gañadores do octavo certame de microrrelato online en lingua galega. Na modalidade infantil o premio foi para Rocío Fernández Guerra -do curso 6º de Primaria do CEIP Amadeo Rodríguez Barroso- pola súa obra O que nos rodea. Na modalidade xuvenil o galardón concedeuse ao orixinal As dúas caras, de Lucía Rodríguez Fontanes -de 2º da ESO do IES Otero Pedrayo-. Ao non poderse facer un acto público, os premios serán entregados polos respectivos centros educativos. 

Celanova

Romaría vitual. Hai semanas que se anunciou a suspensión de Raigame. Con todo os organizadores, Concello de Celanova e Deputación, non queren deixar pasar a data e propoñen que «celebres Raigame en familia ou coas túas amizadas e logo compartas na rede (co cancelo #Raigame2020) a túa celebración». Tamén valen imaxes de edicións pasadas. O obxectivo da convocatoria é salientar a relacións dos ourensáns coa festa etnográfica e espallar os testemuños de como se celebrou o domingo no que se deberían reivindicar as Letras Galegas.

O Barco

Palabras pouco usadas e debuxos. Dende o Concello propoñen colgar nas redes sociais palabras do galego falado en Valdeorras que sexan pouco usadas ou de emprego restrinxido cos hashtag #PalabrasPoucoUsadas #GalegoDeValdeorras. Dende a Biblioteca propoñen aos rapaces un concurso de debuxos: as obras deberán estar vencelladas coa celebración das Letras Galegas ou coa figura da persoa escollida para a homenaxe de este ano, o escritor, crítico literario, filólogo e lingüista Ricardo Carvalho Calero. Os orixinais poden remitirse ata o 21 de maio ao correo da Biblioteca de O Barco. Haberá agasallos para todos os participantes.

Viana do bolo

Idioma e creadores. Tres son as iniciativas para celebrar a festa da cultura galega neste 2020: o concurso escolar Relatos dende o confinamento, o convite a sumarse á campaña Queremos Galego e os vídeos coa intervención de autores de Viana do Bolo -que se subirán ás redes do Concello o 16 e o 17- son as propostas. As persoas que desexen sumarse á campaña de reivindicación da lingua poden solicitar os materiais para os seus balcóns e fiestras -bandeiras galegas e carteis de Queremos Galego- no propio Concello. Ademais o Concello anuncia unha iniciativa que contará coa participación de autores locais, que publicarán un víde relacionado co autor ao que se lle dedican a xonrada. Os participantes serán Manoli Vicente, Nieves Fernández, Serxio González, Xesús Salgado e Carlos Ares pola súa colaboración.

Castro Caldelas

Escolares e palabras en vídeo. Dende o Concello promovéronse dúas convocatorias nestas «Letras Galegas virtuais». Un concurso de relatos curtos con temática vencellada ao municipio e con dúas categorías: de 7 a 12 anos -infantil- e de 13 a 16 anos -xuvenil-. Está dotado cun único premio por sección e o mesmo será un lote de libros. Tamén se elaborará un vídeo con palabras galegas, de xeito preferente «vocablos propios da cultura, historia, tradición, faenas agrícolas, gastronomía... de Caldelas». Este venres rematou o prazo para facer as achegas. 

Toén

Actos na rúa. Dende a biblioteca do colexio Saco e Arce convidaron aos alumnos a localizar todas as rúas dedicadas a Carvalho Calero en Galicia. Propoñen que nas máis próxima, a de Ourense, se reciten poemas, se lean textos, se coloquen murais ou se interprete unha peza musical.

O Carballiño

Suspensión ata outubro. O Concello do Carballiño anunciou este sábado a suspensión das actividades do Día das Letras Galegas ata o mes de outubro, en consonancia co acordado pola Academia. O goberno municipal tiña prevista unha obra de treatro, obradoiros e diversas actividades para celebrar a xornada que agora quedan aparcadas.