Ourense, temos morriña de ti

Mónica Díaz FIRMA INVITADA

OURENSE

Santi M. Amil

11 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

No territorio galego, uns poucos centos de persoas estamos habilitados como guías de turismo, dos que aproximadamente a metade exercemos a profesión. Aínda somos menos os que vivimos disto e cotizamos todo o ano. A Asociación Profesional de Guías de Turismo APIT-Galicia foi creada en 1977 para a defensa dos nosos intereses: somos nestes momentos máis de 120 socios. A través da asociación, sabemos (e intervimos) nos cambios normativos, actualizamos a nosa formación, participamos mediante convenios con diferentes institucións na promoción do sector e da nosa profesión. Como membros da federación estatal CEFAPIT formamos parte da asociación europea FEG e a mundial WFTGA.

Aí onde se ofrecen servizos de calidade, estes inclúen as prestacións de guías de turismo profesionais: nas vilas, nos trens turísticos, nas escapadas termais, nas rutas enolóxicas como o Viñobus... Cando volvamos traballar (nunhas semanas ou nuns meses) seguiremos velando por que os turistas teñan unha experiencia pracenteira e segura na nosa terra, adaptada ás novas circunstancias. Porén, xa en situación normal, hai entre nós un alto índice de precariedade.

En Galicia, e en particular en Ourense, o turismo é moi estacional e competimos decote co intrusismo de xente sen formación que traballa en negro ou empresas que ofrecen servizos turísticos sen persoal habilitado. Por exemplo, é ilegal -ademais de dar mala imaxe- que expliquen a Ribeira Sacra (un BIC candidato a se converter en Patrimonio da Humanidade da UNESCO) persoas sen licenza. Hai tempo que reclamamos das autoridades competentes unha meirande atención cara á profesionalización do sector.

A alarma sanitaria deixounos a todos na casa. Fomos dos primeiros en parar e previsiblemente seremos dos últimos en recuperar a normalidade laboral. Queremos agradecer á Secretaría de Estado de Turismo e á directora da Axencia Galega de Turismo a súa intermediación para que, finalmente, as mutuas recoñecesen o noso cesamento de actividade, que nos permitise acollérmonos ás axudas previstas para autónomos e pequenas empresas.

Participamos activamente co ICTE na redacción dos novos protocolos de seguridade para traballarmos no futuro con garantías sanitarias para nós, as poboacións locais e os nosos visitantes. Estamos creando tamén sinerxías con outros actores (hostaleiros, transportistas, axencias de viaxes...). Unidos será máis doado devolvermos a confianza aos nosos turistas para que nos visiten de novo.

Cremos que é posible un turismo sostible e de calidade, e este pode ser o momento de implicar a toda a sociedade na construción dun modelo máis solidario e responsable. No canto de vermos o turismo como un fin, como un produto de consumo de masas, este pode constituír o motor da actividade produtiva: o escaparate de todo o bo que se fai aquí.

Ourense ten uns magníficos recursos culturais e naturais, pero sobre todo ten un tecido industrial e comercial que, coa nosa humilde achega, poñemos en valor: alimentación (carne, aceite, viño...), téxtil, coiro, pedra, artesanía... mesmo cadaleitos! Somos profesionais da cultura, somos provedores de ocio e entretemento, pero que ninguén esqueza que os guías de turismo temos un extraordinario potencial como comerciais para que, no futuro, os nosos clientes demanden desde as súas casas as marcas e produtos que descubriron grazas a nós. A nosa actividade é un granciño máis, nada desprezable, na grande obra de reconstrución da economía do país á que todos nos enfrontamos desde xa.

E mentres non chega o momento de compartirmos fisicamente as rúas e monumentos, propoñemos a quen queira participar, un concurso infantil de debuxo cuxas bases poden encontrar nas nosas redes sociais e na web www.guiasdegalicia.org. Ourense, temos #MorriñaDeTi.

Mónica Díaz Julín é secretaria da Asociación de Guías de Turismo de Galicia (APIT-Galicia).